Oficina CEER
 03-10-2017
A UNIVERSIDADE DA CORUÑA CELEBRA A III SEMANA UDC SAUDABLE

A Facultade de Enfermaría e Podoloxía, no Campus de Ferrol, abre hoxe as actividades da III Semana UDC Saudable coas que se pretenden promover hábitos de vida e de consumo sans. Ás 19:30 horas, celebrarase unha sesión de fotos nun photocall instalado na Facultade. Neste mesmo centro, o mércores, 4 de outubro, ás 11h. haberá unha camiñada seguida dun aperitivo saudable.

A esa mesma hora, a Facultade de Ciencias acollerá no salón de actos a charla de Déborah García Bello, “Heroes e viláns da alimentación”. García Bello é alumna de Doutoramento da UDC e divulgadora científica premiada e recoñecida en numerosos foros. Ademais, desta charla, a Facultade acollerá diversos obradoiros relacionados con aspectos de ciencia e saúde, realizados polo alumnado da Facultade de Ciencias e coordinados pola Unidade de Divulgación Científica da Universidade da Coruña.

O xoves, 5 de outubro, a Facultade de Fisioterapia, será sede das actividade “Xornada Valora a túa Saúde: perspectiva funcional e calidade de vida” en que alumnado e profesora desta facultade levarán a cabo avaliacións personalizadas de tipo funcional a partir das cales establecerán propostas saudables para cada persoa participante. Terá lugar no vestíbulo de 12:00 a 13:30 horas. Ás 19:30h. Fisioterapia acollerá a conferencia “Knee arthrosis: physiotherapy approach”, da profesora Renata Vauhnik, da Universidade de Ljubljana, Eslovenia. Na súa conferencia, aberta a todo o público, tratará desde a perspectiva da fisioterapia o ámbito das afeccións do xeonllo.

De forma paralela, a Facultade de Ciencias da Saúde, ás 17:30 horas programa un photocall e unha merenda saudable na sala de psicomotricidade do edificio do Grao en Terapia Ocupacional. A continuación farase unha visita “Animais e saúde” na que participarán cans de Terapia, finalizando cun paseo saudable polo campus de Oza.

Entre os actos organizados para celebrar a Semana Saudable, o xoves, con motivo do Día das Universidades Saudables, convócase o concurso “O reto da froita” da Red Española de Universidades Saludables (REUS), que consiste en subir unha foto en Twitter coa etiqueta #RetoFrutaReus. Os gañadores obterán un diploma e unha inscrición gratuíta ao Congreso de Universidades Saudables que terá lugar en Mallorca os días 7 ao 9 de novembro de 2018.

Fonte: www.udc.es