Oficina CEER
 05-10-2017
O INSTITUTO DE CIENCIAS FORENSES ‘LUIS CONCHEIRO’ DA USC COLABORARÁ EN ANÁLISE FORENSE CO SERVIZO DE CRIMINALÍSTICA DA GARDA CIVIL

O Instituto de Ciencias Forenses ‘Luis Concheiro’ da USC colaborará co departamento de Bioloxía do Servizo de Criminalística da Garda Civil en materia de xenética forense, formación e investigación. A cooperación regúlase a través dun protocolo xeral de actuación entre a USC e a Secretaría de Estado de Seguridade que recolle os diversos ámbitos de cooperación.

Entre outros, a colaboración incluirá a realización nos laboratorios universitarios de análises externas autorizadas xudicialmente e que non poidan levarse a cabo no Departamento de Bioloxía da Garda Civil, así como a participación conxunta en proxectos de investigación estatais e europeos, concretamente naquelas convocatorias que financian a adquisición de equipos de investigación científica. Nomeadamente, o equipo universitario realizará análise de xenética forense en casos para determinar a orixe bioxeográfica e características físicas e traballará con mostras degradadas enviadas pola Garda Civil a nivel de toda España.

Outro dos ámbitos que abarca esta cooperación será o desenvolvemento conxunto de técnicas e procedementos forenses analíticos e análises de resultados. Nos casos nos que o Departamento de Bioloxía do corpo de seguridade pública precise unha capacidade analítica non desenvolvida comercialmente ou o Departamento universitario teña desenvolvido novas ferramentas de ámbito forense, ambas institucións poderán desenvolver proxectos de investigación conxunta para resolver as súas necesidades.

Tamén forma parte do acordo a realización de cursos de formación, conferencias e o intercambio de persoal científico. Neste senso o documento subscrito subliña a relevancia de que os profesionais de ambas institucións requiren unha formación teórica ampla e complexa que debe ser paralela á formación empírica, na que a experiencia analítica é difícil de transmitir se non se traballa de forma conxunta. Cada unha destas liñas de actuación terá o seu correspondente desenvolvemento a través de convenios específicos. Inicialmente, o acordo ten unha vixencia de un ano que poderá prorrogarse por sucesivos períodos de duración similar ata un máximo de catro anos adicionais.

Fonte: xornal.usc.es