Oficina CEER
 13-02-2018
A UDC ORGANIZA NO AUDITORIO DE FERROL A FIRST LEGO LEAGUE GALICIA 2017/18

A Universidade da Coruña organiza, por cuarto ano consecutivo, a FIRST LEGO League Galicia, coordinada polo profesor José Antonio Becerra Permuy, o vindeiro sábado 17 de febreiro, no Auditorio Municipal de Ferrol, entre as 09.00 e as 14.30 horas. Nesta edición participan un total de 26 equipos e preto de 200 mozos e mozas de Galicia e Asturias.

O profesor Becerra presentou esta mañá en rolda de prensa a FLL Galicia xunto coa vricerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, a concelleira de Mocidade, Saínza Ruíz, o deputado provincial e alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, así como o director do Campus Industrial, Ginés Nicolás, e os directores das escolas politécnicas de Ferrol, Armando Yáñez e Andrés Piñón, e representantes de entidades e empresas parocinadoras. Colaboran Santander Universidades, Viaqua, o Concello de Ferrol e mais a Deputación Provincial da Coruña. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Colexio de Enxeñeiros Industriais, GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.

Ao remate da FIRST LEGO League Galicia no Auditorio, está previsto que os participantes visiten o Campus de Ferrol e algúns dos seus laboratorios, nunha xornada de portas abertas.

Que é a FIRST LEGO League?
A FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación. Este desafío está conformado por tres elementos:

- Deseñar, construír e programar un robot.

- Desenvolver un proxecto científico que dea solución a un problema proposto por eles mesmos.

- Demostrar uns valores de equipo.

O DESAFÍO FIRST LEGO League en España
Desde o ano 2006, a FIRST LEGO Leaque está impulsada en España pola Fundación Scientia, unha entidade sen ánimo de lucro que promove vocacións científicas, tecnolóxicas e o desenvolvemento de competencias e habilidades do século XXI entre os participantes.
A FIRST LEGO League conta coa colaboración do 20% das universidades de España, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación (Socios FIRST LEGO League) que traballan en máis de 25 cidades do territorio español e que aglutinan a máis de 2.700 voluntarios.
A FIRST LEGO League, a día de hoxe, está presente en 13 comunidades autónomas de España e participan 15.000 mozos e mozas de todo o territorio e mais do Principado de Andorra.

Como funciona a FIRST LEGO League?
Cada tempada, a FIRST LEGO League convida aos equipos participantes a descubrir a diversión e a emoción pola ciencia e a tecnoloxía propoñéndolles un desafío, a nivel global, relacionado cun problema do mundo real. Este desafío responde sempre a un problema da actualidade e os participantes, organizados por equipos e cun adestrador, investigan e desenvolven a súa proposta de solución. Na edición 2017/2018, o desafío HYDRO DYNAMICS trata sobre o ciclo humano da auga. Os equipos deberán explorar o xeito en que encontramos, transportamos, empregamos e nos desfacemos da auga para satisfacer unha necesidade específica ou un desexo.

Os equipos teñen que resolver o desafío en tres áreas de traballo:
- O Proxecto Científico. Un proxecto científico que explique e detalle a súa solución innovadora como opción de mellora ao problema proposto.
- O Xogo do Robot. O deseño, construción e a programación dun robot LEGO MINDSTORMS Education que terá que superar divertidas misión nun taboleiro de xogo relacionado co desafío.
- A integración dos valores FIRST LEGO League. Mentres os equipos desenvolven o Proxecto Científico e o Xogo do Robot, integran os valores FIRST LEGO League: inclusión, descubrimento, cortesía profesional, cooperación, respecto e traballo en equipo.

Na FIRST LEGO League o proceso é moito máis importante que o resultado. O esencial é todo aquilo que o equipo descubriu e aprendeu mediante a experiencia FIRST LEGO League. Todos os equipos reciben unha medalla oficial pola súa participación no torneo, e os equipos que destaquen nalgún ámbito reciben tamén un premio.

Como participa un equipo na FIRST LEGO League?

Os participantes crean un equipo, de entre 2 e 10 membros, de 10 a 16 anos. Durante tres meses preparan o desafío FIRST LEGO League e organizan a súa propia micro FLL no centro educativo ou asociación. A participación nunha micro FLL dá acceso aos Torneos Clasificatorios FIRST LEGO League. Nesta edición 2017-2018, celebraranse 33 Torneos Clasificatorios FIRST LEGO League por todo o territorio español, con 2.700 voluntarios, e presentaranse máis de 1.550 robots e proxectos científicos distintos. Os gañadores dos Torneos Clasificatorio FIRST LEGO League chegarán á GRAN FINAL FIRST LEGO League España que terá lugar en Logroño no mes de marzo. De todos os participantes, 10 equipos terán a oportunidade de viaxar a distintas cidades do mundo para participar nos Torneos Internacionais FIRST LEGO League.

Proceso: Micro FLL -> Torneos Clasificatorios España -> Gran Final FLL España – > Torneos Internacionais FLL

Que é a FIRST LEGO League Junior?

A FIRST LEGO League Junior é un programa internacional dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos, centrado na promoción da ciencia e da tecnoloxía, para captar a curiosidade dos máis pequenos e dirixila cara o descubrimento e a mellora do mundo que os rodea.
Por equipos, de entre 2 a 6 participantes, os máis pequenos deseñan e constrúen unha maqueta con pezas LEGO e preparan un póster illustrativo do seu traballo. Un póster que presentan diante do público asistente aos EVENTOS FIRST LEGO League Junior que se organizan nos tornos clasificatorios e na Gran Final. Nesta edición celébranse 23 eventos FIRST LEGO League Junior en España.

Premios
O equipo gañador do desafío FIRST LEGO League recibirá o Premio Fundación Scientia e participará na Gran Final FIRST LEGO League España que terá lugar en Logroño no mes de marzo.
A maiores, entréganse o Premio Universidade da Coruña aos Valores da FIRST LEGO League; Premio VIAQUA ao Proxecto Científico; Premio Santander Innovación ao Deseño do Robot; Premio Concello de Ferrol ao Comportamento do Robot; Premio Fundación Princesa de Girona ao Emprendemento e o Premio LEGO Education ROBOTIX ás Novas Promesas

Datos
A FIRST LEGO League en España:
- Máis de 15.000 participantes.
- 1.900 equipos.
- 33 torneos clasificatorios
- 25 cidades
A FIRST LEGO League no mundo
- Máis de 365.000 participantes
- 50.000 equipos
- 2.200 eventos
- 90 países

A FIRST LEGO League en Galicia
A Universidade da Coruña organiza por cuarto ano consecutivo a FIRST LEGO League Galicia. O torneo terá lugar o vindeiro sábado, 17 de febreiro, do Auditorio Municipal de Ferrol.

Contactos:
Comunicación UDC: María Ares Tel. 981 167 000, ext. 1047 // 647 387 762 Coordinador da FLL Galicia:

José Antonio Becerra Permuy, profesor da Escola Politécnica Superior (EPS) Tel. 616 441 376

Máis información en: www.udc.es