Oficina CEER
 19-02-2018
MÁIS DE 80 PEGADAS QUE FIXERON UNIVERSIDADE

A Universidade de Vigo homenaxea ao seu PDI e PAS xubilado entre os anos 2015-2017.

Mato asegurou que “todo o que somos, fomos e seremos, facédelo vós”.

A sala I do edificio Miralles encheuse este mediodía de lembranzas, de vivencias compartidas e de experiencias profesionais e persoais, as do persoal docente e investigador e de administración e servizos da Universidade de Vigo, xubilado entre os anos 2015 ao 2017. A institución académica rendeu este venres homenaxe a máis de 80 traballadoras e traballadores, que desenvolveron a súa actividade profesional en centros e servizos dos tres campus, e aos que o reitor, Salustiano Mato, fíxolles entrega dunha insignia en prata co escudo da Universidade. “Todo o que somos, fomos e seremos, facédelo vós”, dixo Mato nunha intervención, na que agradeceu o labor desenvolvido polas e polos homenaxeados, así como súa pegada profesional e persoal na institución. Pola súa banda, Rosa Bernal, en nome do PAS e Patricio Sánchez, no do PDI, foron os encargados de rememorar, nun caso, boa parte da súa experiencia profesional e no de o ex director da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, de destacar “o orgullo, a sorte e compromiso”, co que desempeñaron o seu traballo.

As e os catedráticos, Camiño Noia, Luis Rodríguez Ennes, Luis Romaní; Federico Vilas e Juan Fernando de Laiglesia; os docentes e investigadores Xulio Fernández Hermida e Xulio Pardellas e os membros do PAS Uxío Vázquez, Casilda Encinas e Eugenia Carballo, foron as e os protagonistas de dúas pezas audiovisuais proxectadas no transcurso do acto e nas que compañeiros e compañeiras de traballo e mesmo ex alumnos lembraban vivencias e destacaban aspectos profesionais e persoais das e dos homenaxeados. Pola súa banda, a cantante Silvia Penide e a pianista, Carla López foron as encargadas de poñer a música na homenaxe, a segunda celebrada na Universidade, trala que tivo lugar no ano 2015.

Do Hotel Moderno ao compromiso coa universidade pública
Rosa Bernal comezou a súa intervención lembrando que o Hotel Moderno da Porta do Sol de Vigo foi o seu primeiro centro de traballo, para pasar logo á reitoría da rúa Porto e rematar no Servizo de Retribucións e Seguros Sociais no campus vigués. “Na rúa Oporto houbo unha serie de mobilizacións pola reclamación de dereitos dos docentes e do persoal de administración e servizos, concretamente polo convenio, xa que como persoal contratado estabamos regulados por el”, recordou Bernal, que se referiu a aquela como “unha época máis inxusta na universidade, aínda que ao final se solucionou e a igual traballo igual salario”, dixo.

Tras lembrar outros fitos destacados na historia da institución, como o Claustro constituínte, e asegurar que o seu paso pola Universidade de Vigo foi “satisfactorio”, Bernal cedeu a palabra a Patricio Sánchez, que se referiu na súa intervención ao “orgullo, a sorte e o compromiso”, co que desenvolveron o seu traballo. Sánchez asegurou que a formación das novas xeracións “é un dos mellores traballos que se pode ter”, ao tempo que deixou constancia do compromiso coa universidade pública, vítima dunha época de recortes económicos.

"O que somos é grazas ao que fixestes"
O reitor Salustiano Mato foi o encargado de pechar o acto cunha intervención na que agradeceu a pegada profesional e persoal de todas e todos os homenaxeados. “O que somos é grazas a vós e ao que fixestes”, asegurou o reitor, que recoñeceu a pegada que persoalmente lle deixaron ao longo da súa traxectoria profesional e persoal, algunhas das persoas que hoxe protagonizaron a homenaxe. Así, aludiu a Teresa Randulfe, delegada do reitor no campus de Ourense, onde chegou como docente procedente da Universidade de Santiago de Compostela. Xa no campus de Vigo, Mato destacou os momentos compartidos con Luis Andrade e Dolores Troncoso, así como o traballo desenvolvido con Juan Fernando deLaigleisa para abordar o mundo das Belas Artes desde o punto de vista científico. “Descubrín o proceloso e árido mundo da economía e do control interno grazas a Suso Graña e creo que o fixemos bastante ben”, dixo o reitor, que tamén agradeceu a vocación polo público de Miguel Ángel Merino. “Fostes moi importantes en cousas que forman parte da vida cotiá da universidade, que non sempre foron así e vós fixéchelo posible. Grazas a todos vós”, asegurou Mato para rematar a súa intervención.

Fonte: duvi.uvigo.es