Oficina CEER
 10-04-2018
A UDC E A USC PRESENTAN O GRAO EN PAISAXE, ÚNICO EN ESPAÑA

A vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente da UDC, Nancy Vázquez; o vicerreitor de Oferta Académica e Innovación Educativa da USC, Roberto Javier López; a coordinadora do Grao en Paisaxe, a profesora da UDC Cristina García Fontán; e a coordinadora do título pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, Isabel Iglesias, presentaron o 6 de abril na Sala de Prensa da Reitoría o novo Grao en Paisaxe, único no ámbito académico de España.

García Fontán explicou que este título, aínda que é único no Sistema Universitario Español, ten unha longa tradición noutros países como Portugal ou Francia con denominacións como Arquiectura da Paisaxe ou Paisaxismo, polo que o Grao que ofrecen a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela vén cubrir unha carencia de formación e de profesionais en España así como a establecer unha relación con resto de Europa. A coordinadora do Grao, que se ofrecerá o vindeiro curso, detallou os contidos do plano de estudos que atende a unha complexidade derivada das competencias formativas que acadarán os titulados que serán de actuacións estéticas, produtivas ou restauradoras. Integra disciplinas como urbanismo, topografía, arquitectura, medio ambiente, botánica, edafoloxía, arte, economía, socioloxía, etc.

O grao terá 240 créditos en catro anos, dos que os dous primeiros impartiranse na EPS de Lugo e os outros dous na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. As prácticas externas serán obrigatorias e, segundo adiantou García Fontán, hai xa unha listaxe de entidades e empresas interesadas en acoller a estes alumnos en prácticas.

No desenvolvemento deste título está implicada, ademais das dúas escolas, a Facultade de Xeografía e Historia da USC. “Este grao permite formar profesionais que o que decidan vai perdurar no tempo”, sinalou a profesora coruñesa. A profesora da EPS de Lugo recalcou a singularidade deste título porque conta cunha formación técnica que non teñen outros ao estar incluído na área de coñecemento de Arquitectura. Abriranse 50 prazas e os estudantes poderán matricularse indistintamente nas universidades da Coruña ou de Santiago de Compostela.

Pola súa banda, o vicerreitor de Oferta Académica da USC matizou que “o tratamento da Paisaxe non é deseñar xardíns”. “É ordear, restruturar, reformar, recuperar e organizar o espazo no que se inclúen arquitecturas”, explicou. López apuntou que os futuros alumnos deste título terán á súa disposición o coñemento de tres centros de dúas universidades, que fará que os titulados cubran unha carencia profesional da que non existía formación en España. Finalmente, a vicerreitora de Oferta Académica da UDC comentou a complexidade que supuxo poñer en marcha o primeiro Grao Interuniversitario en Galicia, por non haber experiencias anteriores e pola transversalidade dun título no que hai sete áreas de coñecemento implicadas. “Este título vai traer consecuencias importantes para Galicia e vai ser un referente a nivel nacional en formación e investigación”, valorou Vázquez.

Máis información: http://paisaxe.udc.es/