Oficina CEER
 11-04-2018
OURENSE ACOLLEU O PRIMEIRO DEBATE ENTRE AS CANDIDATURAS Á REITORÍA

Emilio Fernández e Pachi Reigosa confrontaron neste campus os seus modelos de Universidade.

O campus de Ourense acolleu este martes o primeiro debate entre as candidaturas á Reitoría que concorren ás eleccións do 23 de abril. Emilio Fernández, encabezando Ideas que Suman, e Pachi Reigosa, liderando Horizonte 2040, confrontaron ante os membros da comunidade universitaria presentes, e os que seguiron o debate por Internet, os modelos de universidade que propoñen cada un deles. Con eles estiveron tamén as persoas elixidas por cada un dos equipos para asumir a Vicerreitoría do Campus de Ourense en caso de ser elixidos, como son os profesores da Facultade de Ciencias María Esther de Blas, por Horizonte 2040, e Javier Rodríguez Rajo, por Ideas que Suman.

O debate, que tivo lugar na aula magna da Facultade de Dereito do campus ourensán, estivo moderado polo xornalista do Grupo La Región Antonio Nespereira, sendo emitido en directo por Internet por este medio de comunicación. Foi o primeiro dos tres debates anunciados para esta campaña electoral, estando previsto que o xoves 12 se repita no campus de Vigo e o mércores 18 no de Pontevedra. Esta primeira cita, que se prolongou durante case dúas horas, estruturouse en dous bloques e contou coa asistencia entre o público de membros dos diferentes colectivos universitarios, tanto persoal docente e investigador, como persoal de administración e servizos como alumnado. O primeiro dos bloques temáticos estivo centrado na comunidade universitaria no seu conxunto, abordando os dous candidatos a reitor cuestións de docencia, investigación, xestión e alumnado. O segundo bloque dedicouse a cuestións específicas do campus de Ourense, sumándose ao debate a e o candidato á súa vicerreitoría.

A Universidade
Emilio Fernández, que iniciou a quenda de intervencións, comezou salientando como a Universidade de Vigo está “nun momento histórico” no que decidir o modelo de institución que quere ser, avogando desde a súa candidatura por “un modelo absolutamente novo”. “Non necesitamos continuísmos de políticas que sabemos que son erradas nin oposición que pense que ten que desfacer o ben feito por gobernos anteriores. Necesitamos ilusión, ambición e a acción conxunta para gañar o futuro”, afirmou o candidato de Ideas que Suman. O catedrático subliñou como “nós o que queremos para esta Universidade é que sexa o motor da modernidade no desenvolvemento de Galicia” e “o motor da creación de riqueza a partir da educación superior”. Así, apostou por unha universidade “aberta ao mundo, que conecte cos mellores centros e universidades, que sexa unha universidade de vangarda en valores” e que aposte pola especialización, todo elo no marco dun plan estratéxico. Tamén fixo fincapé Emilio Fernández na importancia de traballar por unha institución académica que sexa quen de “atraer persoas para estudar, para investigar” e de transferir coñecemento.

Pola súa banda, Pachi Reigosa apostou por desterrar a palabra periferia á hora de falar da Universidade de Vigo e por levar a cabo “outro forma de facer as cousas” na institución académica. Lembrando os seus lemas de campaña “universidade das persoas” e “outro xeito”, o candidato de Horizonte 2040 salientou como “queremos outro xeito de gobernar, cambiar os modos dos últimos oito anos e moi especialmente dos últimos catro anos”. O catedrático, que durante o debate recalcou a súa vinculación co campus de Ourense, subliñou ao longo da súa intervención a credibilidade da súa candidatura froito dunha oposición “que levamos tempo pedindo diálogo, acordo e negociación”. Tamén recalcou Pachi Reigosa no debate como “a cousa que sería fundamental acadar ao final do mandato” en caso de saír elixida a súa candidatura sería “que a xente veña con ledicia ao seu posto de traballo, ou á súa facultade ou escola, que veña con ilusión, con orgullo e coa intensidade que tiñamos noutros tempos”. Un obxectivo que, afirmou o candidato, só se pode acadar “apoiando ás persoas”.

Ao longo das case dúas horas de debate, os dous candidatos foron alternativamente expondo as súas políticas xerais e medidas concretas en cada un dos ámbitos abordados, ademais de falar das súas propostas estratéxicas para a institución académica. No eido da docencia tratáronse aspectos como os criterios de promoción docente e a redución das horas presenciais e a ampliación do mapa de titulacións. No caso da investigación explicaron as súas medidas en eidos como a captación de talento foráneo e a retención de talento formado dentro da Universidade de Vigo, como premiar a investigación de calidade e como incentivar a investigación en grupos menos desenvolvidos, entre outros moitos aspectos. Como reducir a “hiperburocratización” administrativa, a administración electrónica, a relación de postos de traballo, a nova xerencia ou a formación do persoal de administración e servizos foron algunhas das cuestións tocadas no apartado de xestión. Por último, no caso do alumnado, o fomento da súa empregabilidade, a igualdade de oportunidades, as fórmulas para a súa captación e a súa participación na Universidade foron algúns dos temas abordados ao longo do debate.

Temas específicos do campus de Ourense
Tralo bloque xeral, incorporáronse á mesa María Esther de Blas, candidata a vicerreitora do campus de Ourense por Horizonte 2040, e Javier Rodríguez Rajo, candidato a vicerreitor deste campus por Ideas que Suman. Antes de tomar a palabra estes candidatos, tamén interviron Emilio Fernández e Pachi Reigosa para amosar os seus respectivos compromisos con este campus. O líder de Horizonte 2040 destacou como o campus de Ourense “ten que aspirar a ser un campus de primeira división” marcando como primeira tarefa para acadalo “facer unha descentralización real”. Entre outras medidas nesa descentralización apuntou “a revitalización do Consello de Campus”. Recoñecendo as dificultades que pode ter un campus como o de Ourense, Pachi Reigosa fixo fincapé “no material de primeira” que ten para o seu desenvolvemento futuro. Pola súa banda, o líder de Ideas que Suman recalcou como no programa da súa candidatura inclúese a desconcentración dos campus de Ourense e Pontevedra como un elemento central. Emilio Fernández fixo fincapé en como en caso de saír elixido o campus de Ourense “vai poder decidir sobre parte do seu futuro, porque o que pretendemos é que o seu Consello de Campus tome decisións propias sen interferencias de Vigo”.

Durante a súa intervención, María Esther de Blas salientou “o proxecto ilusionante e de futuro” que propón Horizonte 2040 recalcando como o seu equipo está formado por catro membros procedentes do campus de Ourense. Sobre os retos para Ourense, a profesora da Facultade de Ciencias apuntou o seu desexo de “traballar en conxunto coas empresas, coa sociedade, buscar novos espazos de colaboración”. Entre os proxectos concretos subliñou a “súa teima” con acadar que o campus de Ourense sexa definido como “un campus inclusivo, un campus saudable, un campus sustentable”. Tras lembrar como hai estudantes que escollen vir a Ourense “polo trato que reciben, pola especial atención do noso profesorado”, amosou o seu desexo de que este esforzo sexa apoiado con formación e medios e estendido aos diferentes colectivos universitarios. María Esther de Blas tamén amosou o seu desexo de que “todos traballemos xuntos”, de que “cada un saiamos do noso recuncho” para visibilizar e potenciar o traballo realizado. Neste senso avogou por fomentar as sinerxía entre os diferentes grupos de investigación, participen ou non no Campus da Auga.

Pola súa banda, Javier Rodríguez Rajo, destacando “o reto e o orgullo de poder defender o meu campus” nestas eleccións, subliñou a importancia de avanzar na desconcentración. O profesor da Facultade de Ciencias apuntou como retos de futuro en caso saír gañadora a súa candidatura a aposta “por poñer en valor as titulacións e o profesorado que temos”, e máis concretamente as titulacións singulares. Así, durante a súa intervención lembrou o potencial do campus ourensán destacando a súa taxa de ocupación do 103% e o feito de que un 55% do alumnado procede de fóra da provincia. O candidato apostou tamén por fomentar a transversalidade, “o traballo conxunto que podemos facer entre todas as facultades” e que, recalcou, pode contribuír a acurtar a distancia entre os diferentes grupos de investigación. Rodríguez Rajo tamén puxo o aceno no fomento da extensión universitaria no campus e na internacionalización das titulacións. “Non estamos na periferia senón no pleno centro da Eurorrexión” e “temos que aproveitar esa oportunidade”, afirmou, facendo referencia aos bos resultados que está acadando o Campus da Auga.

Este primeiro debate celebrado en Ourense contou finalmente cunha quenda de preguntas na que membros de diferentes colectivos universitarios fixeron as súas preguntas aos candidatos tanto á Reitoría como á Vicerreitoría de Campus. As súas consultas estiveron centradas en cuestións como a existencia ou non na Universidade de Vigo dun plan estratéxico; se se consideraría a posibilidade de cambiar o nome á institución académica atendendo a que a súa implantación xeografía vai alén de Vigo; a situación do PDI; o diferente nivel de descentralización e servizos nos tres campus e as perspectivas de futuro para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, especialmente no tema da contratación de profesorado.

Fonte: duvi.uvigo.gal