Oficina CEER
 16-06-2008
A USC presenta Granxafamiliar.com, un sistema de xestión de información para comercializar produtos agrarios de orixe familiar

“Unha grande comunidade comercial virtual entre o mundo rural e urbano”. Así definiu o reitor Senén Barro o proxecto Granxafamiliar.com que, xurdido na USC baixo o lema ‘O comercio máis xusto para Galicia’, impulsa as transaccións comerciais e a compra-venda da produción tradicional de autoconsumo familiar existente no medio rural galego. Para Barro, é este un proxecto “interesantísimo para o noso país que revaloriza a nosa agricultura tradicional”.

O Grupo de Investigación GIS-T Idega da USC, no marco do proxecto SINDUR, comezou a traballar en 2007 neste sistema de xestión de información para impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural no medio rural galego e, de forma experimental, nos Concellos de Brión e Antas de Ulla, entre os socios da Cooperativa Feiraco e a través de granxas emprendedoras asociadas ao proxecto ‘Ferrados’ de Cáritas Diocesana de Santiago.

Granxafamiliar.com conta con quince granxas participantes que ofrecen preto de 30 produtos diferentes, cifra que se incrementará en breve ao sumarse hoxe a esta iniciativa o Concello de Lalín nun acto celebrado en Compostela ao que asistiron, ademais do reitor, os alcaldes de Lalín e Antas de Ulla, Xosé Crespo e Javier Varela, respectivamente; o concelleiro de Brión Jesús Quintela; o tesoureiro de Feiraco e director de Cáritas, Xosé Montes; o director da División de Organismos de Caixa Galicia, Andrés Cuns; e o director xeral de I+D, Salustiano Mato. Participaron tamén os profesores Carlos Ferrás, director do proxecto, e Román Rodríguez.

As TIC no rural
Granxafamiliar.com trata de difundir a utilización das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no medio rural galego co fin de valorar a calidade de vida e pór en valor a súa cultura, establecer canles de comunicación entre os mundos rural e urbano, incluír no mercado a produción tradicional de autoconsumo das explotacións agrarias familiares e promover a difusión das TIC como ferramentas de intervención social fronte á Fenda Dixital.

Con este sistema avanzado de xestión telemática de información búscase a complementariedade e sinerxia entre territorios emprazados na Galicia occidental “máis dinámica” coa da Galicia interior “deprimida e en declive demográfico”. Con el, asegurou o reitor, a USC “está a impulsar a recuperación e dixitalización da memoria histórica e a revalorización da cultura rural local no contexto da Sociedade da Información”.

Establécese deste xeito unha ponte de comunicación entre produtores e compradores que evitará as elevadas comisións das empresas intermediarias, cuns custes dificilmente salvables para economías tan reducidas como as familiares, e por extensión incrementará as rendas do rural galego.

Dirixido ás familias agrarias
Granxafamiliar.com está dirixido ás familias agrarias produtoras de Galicia que tradicionalmente practicaron o policultivo e a multifuncionalidade rural, destinando a súa produción basicamente ao autoconsumo familiar e que actualmente están en disposición de introducir no mercado dita produción. Polo lado da demanda diríxese a calquera comprador, sexa familia, colectivo, empresa en xeral ou institucións sociais que se sintan atraídos polos prezos, a calidade dos produtos e por unha nova forma de comercio.

O proxecto traballa directamente coas familias na promoción dos produtos de calidade que ofertan e que os clientes poden apreciar in situ visitando as granxas.

Experiencias semellantes
Como antecedentes máis próximos a esta iniciativa atópanse Granjafamiliar.com, experiencia individual nun concello biscaíño; a plataforma dixital Infobrion.com, creada polo mesmo grupo GIS-T Idega que logo cederon ao Concello de Brión e a outros 33 da provincia de Salamanca; e ‘Northside Folk Project’ dun grupo de investigación do University College Cork de Irlanda.