Oficina CEER
 30-04-2018
A USC PARTICIPA NA PRODUCIÓN DE ‘LA UNIVERSIDAD RESPONDE’ QUE EMITE TVE

A primeira peza realizada na Universidade compostelá emitirase o vindeiro 2 de maio.

A USC é unha das trinta e tres universidades españolas implicadas na produción de ‘La Universidad responde’, unha serie de microespazos de divulgación científica que se vai emitir ás 10.50 horas no programa ‘La aventura del Saber’ de TVE. ‘La Universidad responde’ traslada o esforzo que realiza o persoal investigador das universidades para formular nos seus laboratorios complexas teorías, en ocasións inintelixibles, para un público amplo pero que posúen unha repercusión social directa.

A contribución da USC a este proxecto comeza este mércores 2 de maio falando sobre como obter bioplásticos a partir de augas residuais. En termos xerais, cada programa conta coa participación dun/ha investigador/a do colectivo científico universitario para responder de forma sinxela e directa a preguntas complexas.

No caso da USC, ademais da do próximo mércores, están previstas outras pezas que analizan como empregar o musgo para controlar a contaminación, que é a atención temperá, a proteómica e por a súa relevancia en investigación biomédica, que é a deflación, como aprender un idioma de forma rápida e eficaz ou cal é a finalidade dun servizo de toxicoloxía forense, entre outras cuestións. Todas as pezas foron producidas dende o Servizo de Medios Audiovisuais da USC (Servimav) no estudio virtual da Facultade de Ciencias da Comunicación. Tanto os da segunda temporada como os xa realizados para a primeira están dispoñibles en USCTV.

En total ‘La Universidad responde’ proporá un total de 300 interrogantes e as súas correspondentes respostas nun máximo de dous minutos que achegan á cidadanía os avances científicos que poden facilitar e mellorar a súa vida. Neste senso, a iniciativa pon de manifesto o labor de investigación que realizan as universidades como elementos de dinamización do coñecemento e a súa transferencia en forma de valor engadido á sociedade.

A iniciativa estivo coordinada polo Taller de Audiovisual da Universitat de València que desenvolveu o deseño do formato audiovisual e realizado a súa produción executiva. A multidifusión dixital do conxunto da co produción emitirase a través doutras antenas televisivas, contedores de internet, webs de cada universidad e a propia Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), así como a través as principais redes sociais.

Fonte: xornal.usc.es