Oficina CEER
 28-05-2018
O XXI FORO DOS RECURSOS MARIÑOS E DA ACUICULTURA DAS RÍAS GALEGAS MANTÉN O DIÁLOGO ENTRE TODOS OS AXENTES DO MAR

O XXI Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui) mantén o seu compromiso co diálogo entre os axentes do sector pesqueiro e acuícola, do entorno científico e investigador e da Administración pública no seu encontro anual o vindeiro mes de outubro na Illa da Toxa.

O Foro contará con seis mesas de traballo: os retos do Instituto Español de Oceanografía (IEO), o marisqueo e pesca de baixura, a acuicultura, a empresa e os recursos, e dúas mesas dedicadas ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), unha delas centrada nos aspectos xerais da acuicultura e outra nas industrias, frota e desenvolvemento coas axudas GALP.

Nas xornadas trataranse temas de actualidade como a gran problemática dos plásticos, as novas dietas con polbo, a evolución dende o marisqueo libre ao profesional e o papel da muller no sector pesqueiro. Ademais, o investigador da USC Manuel Freire-Garabal explicará as propiedades das microalgas mariñas contra o cancro.

Nunha presentación aos medios de comunicación do programa do Foro celebrada este venres interviñeron o presidente do comité organizador do Foro, o profesor Manuel Rey Méndez, quen destacou a posibilidade de “coñecer a realidade do mar en Galicia mediante a dinamización e o intercambio de ideas”; e o director de Xestión e Valorización de I+D da USC, Rogelio Conde-Pumpido quen puxo o foco no traballo dos últimos trinta anos para manter as pontes entre a investigación na Universidade e o sector produtivo. Tamén interveu a subdirectora xeral de Acuicultura da Consellaría do Mar, Ángeles Vázquez Suárez, para subliñar a importancia de levar a cabo un “ desenvolvemento sustentable da pesca e da acuicultura no eido medioambiental, a xestión eficiente dos recursos, a innovación, a competitividade e o coñecemento”. Neste acto tamén presentaron un libro que recolle todas as comunicacións da anterior edición do Foro.

Fonte: xornal.usc.es