Oficina CEER
 28-05-2018
O PARANINFO DA UDC ACOLLE O LUNS UN RECITAL DE POESÍA DE CÉSAR BRANDON

Con motivo da celebración o pasado 21 de maio do Día Mundial da Diversidade Cultural, a Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña organiza o recital de poesía do escritor César Brandon para o estudantado e resto da comunidade universitaria, aberto ao público en xeral.

César Brandon Ndjocu Davies é un artista novo de orixe guineana (Malabo, 1993), que racha con moitos dos estereotipos negativos sobre as persoas mozas que chegan de África. Desde neno sentiuse atraído pola escritura. A súa popularidade débase ao feito de competir e gañar o concurso de Telecinco Tv Got Talent España 2018, con tres poesías que puxeron en pé ao público asistente. Grazas ao recibimento obtido, unha editorial publicoulle un libro, que inclúe unha relación miscelánea de relatos curtos, episodios imprevisibles, situación caóticas, xogos absurdos de palabras expresados con coherencia, que nos falan da viaxe xeográfica e psicolóxica do autor, que fixo posible que milleiros de persoas, xente moza en particular, amose interese pola poesía e pola lectura.

Chegará desde a súa cidade, Ciudad Real, ata o Paraninfo da Universidade da Coruña para facer un despliegue de todo o seu talento o vindeiro luns 28 de maio ás 19:00h.

Desde a OCV quérese salientar que neste evento non haberá sinatura de libros. Para iso, César Brandon regresará á cidade o vindeiro 6 de xuño.

Fonte: www.udc.es