Oficina CEER
 31-05-2018
O ARQUEÓLOGO CELSO R. CAO, ACOMPAÑADO DO ZANFONISTA GERMÁN DÍAZ, PECHAN ESTE VENRES O PROGRAMA DE VISITAS ‘NOITES NA DOMUS’

O primeiro pase ao xacemento que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo será ás 20.45 horas e o segundo comezará ás 22.00.

O programa ‘Noites na Domus’, unha actividade complementaria do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ e a través do que se ofrecen visitas guiadas con acompañamento musical ao xacemento da Domus do Mitreo, remata este venres 1 de xuño, cunha dobre actuación do músico, compositor e intérprete de zanfona Germán Díaz, que intervirá nos dous pases programados ás 20.45 horas e 22.00 horas, respectivamente.

O arqueólogo e director da escavación da Domus do Mitreo, Celso R. Cao, será o encargado de guiar as visitas organizadas ao abeiro deste programa, promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural e a través do que se busca favorecer o coñecemento da historia a través dunha viaxe musicada polo xacemento que permita ao espectador achegarse tamén ás diferentes épocas a través das súas composicións sonoras. Como o aforo atópase limitado a 25 persoas, as entradas deben recollerse con antelación na Oficina de Cultura da USC no Campus Terra, ata un máximo de dúas por persoa.

O programa de visitas musicadas ‘Noites na Domus’ permite aos asistentes descubrir a familia do centurión que habitou esta casa, os motivos do seu traslado, así como o cargo e os cometidos que desempeñou, xa que máis que un centurión era a persoa encargada da recadación tributaria no Norte peninsular.

A Idade Media tamén cobrará relevancia na disertación de Celso. R. Cao, quen fará fincapé na construción da catedral e a súa necrópole, así como noutros feitos relacionados, tales como o feito de que a basílica non ocupe un lugar central dentro do burgo. ‘Noites na Domus’ posibilitará tamén unha aproximación ao Pazo de Montenegro, en cuxa fachada aínda se poden atopar elementos decorativos da catedral de Lugo.

Fonte: xornal.usc.es