Oficina CEER
 05-06-2018
A USC DESENVOLVERÁ UNHAS XORNADAS SOBRE CORRUPCIÓN PÚBLICA E RETOS PARA O SISTEMA PENAL

O programa, dirixido por Roberto Blanco Valdés, Gumersindo Guinarte Cabada e Fernando Vázquez-Portomeñe Seijas, analizará a corrupción pública e os retos para o sistema penal os días 6 e 7 de xuño na Facultade de Dereito. A inauguración terá lugar o mércores 6 ás 15.00 horas.

As xornadas contarán cun total de cinco sesións que se desenvolverán entre o mércores pola tarde e o xoves pola mañá. O primeiro día incluirá tres sesións. A primeira tratará contidos como o axente público de cumprimento e a anatomía dos delitos de corrupción nos negocios, así como a corrupción pública, o suborno e as reformas penais.

Na segunda sesión do mércores, explicarán os riscos de corrupción na contratación pública; a financiación dos partidos políticos en España; a responsabilidade penal da empresa e o empresario por financiación de partidos; e a valoración da responsabilidade penal dos partidos políticos. Na terceira sesión, representantes de partidos políticos participarán nunha mesa sobre esta temática.

Para finalizar, o xoves terá lugar a cuarta e a quinta sesión do programa a partir das 10.30 horas. A cuarta sesión inclúe contidos sobre a suspensión da execución da pena nos delitos relacionados coa corrupción; o redimensionamento do comiso tras as últimas reformas do sistema penal; a loita contra a corrupción e o transcurso do tempo; e o desenvolvemento sociomoral e a corrupción: análise e propostas dun instrumento de avaliación. Por último, a quinta sesión consistirá nunha mesa de comunicacións.

Fonte: xornal.usc.es