Oficina CEER
 07-06-2018
O EDIFICIO DO CAMPUS DA AUGA ABRE AS SÚAS PORTAS

Este mércores o campus de Ourense celebrou a inauguración dun novo edificio, o edificio do seu proxecto de especialización como Campus da Auga. A nova infraestrutura, financiada con case 4,5 millóns de euros pola Xunta de Galicia con Fondos Feder, albergará 16 laboratorios de investigación e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e centralizará os servizos administrativos deste campus. Del, Salustiano Mato, reitor en funcións da Universidade de Vigo, destacou como supón “un enorme salto cualitativo para Ourense e para o noso campus, un salto cualitativo que significa fabricar futuro”, e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, apuntou como “o que inauguramos hoxe é unha mensaxe de futuro para a provincia de Ourense”.

Ademais da participación de Salustiano Mato e Alberto Núñez Feijóo, a inauguración do edificio contou coa asistencia de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Virxilio Rodríguez, vicerreitor en funcións do campus de Ourense; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, entre outras moitas autoridades. Tamén estiveron numerosos membros da comunidade universitaria, como as e os responsables das diferentes facultades e escolas do campus de Ourense e vicerreitores e vicerreitoras do equipo de goberno en funcións.

Referente en temáticas da auga
“Para min, como reitor da Universidade de Vigo, é un auténtico honor e unha sorte que o meu último acto de singradura como reitor sexa a posta de largo do Campus da Auga en Ourense”, comezou destacando Salustiano Mato durante o seu discurso nun acto que pechou os seus oito anos de mandato á fronte da Universidade de Vigo. O reitor en funcións explicou como “esta infraestrutura dalgunha maneira visibiliza todo o traballo que fixemos neste campus entre todos e todas”, agradecendo tamén á Xunta de Galicia o traballo a prol da especialización dos campus como “unha maneira de facer o Sistema Universitario de Galicia máis eficiente”. Recalcando como a especialización do campus de Ourense é “unha mostra da cooperación que existe no SUG e no ecosistema de innovación”, Mato salientou a boa saúde actual do campus de Ourense a pesar “das ameazas da crise económica e da realidade demográfica”, citando cifras como un ocupación superior ao 101%, e máis da metade do seu alumnado de fóra da provincia.

Durante a súa intervención, Alberto Núñez Feijóo destacou como o novo edificio será “o centro de referencia de todo o noroeste peninsular para o coñecemento vinculado á auga”. O presidente da Xunta de Galicia lembrou como o campus de Ourense foi o primeiro periférico en apostar pola especialización, que iniciou no ano 2013. “Se alguén busca unha referencia para unha especialización tena aquí, no Campus da Auga de Ourense”, afirmou. O titular da Xunta fixo fincapé na súa intervención en como “o que inauguramos hoxe non é só un edificio central fermoso, o que inauguramos hoxe é un proxecto académico, e é un proxecto social, e é un proxecto económico e é un proxecto industrial”. Estamos, subliñou Feijóo, ante “unha gran oportunidade” non só para a comunidade universitaria senón tamén para a Xunta de Galicia, para a Universidade de Vigo e “para Ourense, para as empresas de Ourense, para os traballadores de Ourense e por suposto para o alumnado de Ourense”. Estas oportunidades, afirmou Alberto Núñez Feijóo, son froito da cooperación existente entre a Xunta de Galicia e as universidades galegas e a súa aposta pola excelencia.

Pola súa banda, Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, subliñou como “a cidade de Ourense recibe con moitísimo entusiasmo este novo edificio”. Estamos, afirmou o alcalde, “ante un novo aliado no proxecto do futuro que deseñamos desde a cooperación institucional”, lembrando a súa participación na posta en marcha do proxecto de especilización do campus de Ourense como Campus da Auga cando el era conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O Campus da Auga, recalcou Vázquez, é “unha especialización que vai xerar de seguro un valor engadido e estratéxico para toda a cidade, a provincia e mesmo para Galicia”, facendo fincapé no potencial termal ourensán.

12+4 laboratorios
O deseño do edificio foi de Oikos Estudio e estivo asinado por Alfredo Freixedo, Pedro Diéguez, Mª del Carmen Rodríguez, Raquel González, Francisco Javier López e Daniel Carvajal. A construción correu a cargo de Obras e Servizos Gómez Crespo e desenvolveuse desde o verán de 2016 ata finais de 2017. O novo edificio, de tres plantas e máis de 3500 metros cadrados, contará con doce laboratorios de investigación e catro laboratorio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e no seu deseño fíxose fincapé na súa sustentabilidade. Na primeira planta situaranse laboratorios singulares de contaminación de augas e solos; tecnoloxía e diagnose de medios acuáticos; compostos bioactivos e antioxidantes; avaliación toxicolóxica de augas e alimentos; biotecnoloxía; tecnoloxía dos alimentos e nutrición e bromatoloxía. Na segunda planta estarán laboratorios singulares de arqueoloxía e territorio; análise de concas hidrográficas e informática aplicada. Esta segunda planta completarase coa ubicación do Laboratorio Espacial da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, dunha aula de informática e dun espazo para o Programa de Doutoramento do Campus da Auga.

Polo que respecta á nave coñecida como laboratorio de hidráulica, o principal uso será para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que terá nela un laboratorio de aerodinámica, outro de propulsión e motores e outro de materiais e resistencia de materiais. Nesta nave haberá tamén un espazo de investigación en hidroloxía e outro en arqueoloxía, territorio e auga. Por último, o novo edificio tamén está previsto que albergue os servizos administrativos do campus de Ourense, ata o de agora dispersos en diferentes edificios, e que dea soporte á Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus da Auga. Segundo explicou o reitor en funcións, a previsión é que este verán comece a mudanza ao novo edificio para que estea operativo para o curso académico 2018/2019. “Xa están os usos definidos, xa están todos os espazos adxudicados, xa está todo o mundo pendente de que cheguen os equipamentos específicos para os laboratorios”, afirmou Salustiano Mato.

Actas do II Simposio Internacional de Termalismo
Este mércores tamén se presentou o libro-CD de actas do II Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida, celebrado no marco do proxecto do Campus da Auga os días 20 e 21 de setembro de 2017, coincidindo co desenvolvemento da feira Termatalia. Virxilio Rodríguez, vicerreitor en funcións do campus de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Emma González, directora adxunta de Expourense, e Nita Torres, xefa de servizo de Termalismo do Concello de Ourense, foron as persoas encargadas de presentar unha publicación en formato electrónico que recolle “o éxito” acadado polo simposio en canto a cantidade e calidade de participación. A publicación recolle 43 das comunicacións e pósters presentados na cita, que se centran en temas como as augas mineromedicionais e termais; as innovación e novas experiencias relacionadas co termalismo e a calidade de vida; o patrimonio e a arquitectura termal; o turismo experiencial e de saúde en termalismo; a investigación xeral sobre a auga e os novos retos e tendencias en investigación. Trala presentación do CD, os representantes das diferentes institucións presentes mantiveron unha reunión de preparación do que será o III Congreso Internacional da Auga, que se celebrará en Ourense do 25 ao 27 de outubro de 2018 e que nesta ocasión terá como protagonista a historia, a xeografía e a historia da arte.

Fonte: www.duvi.uvigo.es