Oficina CEER
 18-06-2018
PRESENTACIÓN EN NORMAL DO I ENCONTRO-RESIDENCIA DE CREADORES EMERXENTES EN GALICIA

O espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, NORMAL, acollerá este luns, 18 de xuño, ás 12:00 horas unha rolda de prensa para presentar o I Encontro/Residencia de creadores emerxentes. Interaccións artísticas en Galicia, que se vai desenvolver no Pazo de Mariñán do 20 ao 22 de xuño.

Esta novidosa iniciativa é froito dun convenio entre a Real Academia Galega de Belas Artes, as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e os Conservatorios Superiores de Música da Coruña e Vigo, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Na rolda de prensa estará a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, María del Mar Lorenzo; a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da UVigo, Natalia Capparini; o director do Encontro, Fernando Agrasar; o vicepresidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Celestino García Braña; o vicedirector do Conservatorio de Vigo, Luis Costa; e o director do Conservatorio da Coruña, Julio Mourenza.

Neste encontro participarán estudantes de últimos cursos de Arquitectura, Didáctica da expresión plástica, Belas Artes e Música. O alumnado convidado presentará unha obra que irá evolucionando na residencia de tres días ata transformarse nunha obra colectiva. Esta innovadora actividade é unha aposta por impulsar os artistas emerxentes, favorecendo o diálogo e encontro entre disciplinas.

Fonte: www.udc.es