Oficina CEER
 21-06-2018
O CEER PARTICIPA NA PRESENTACIÓN DO PRIMEIRO BORRADOR DA ESTRATEXIA DE COOPERACIÓN INTELIXENTE DO RÍO MIÑO

O territorio transfronteirizo que artella o río Miño no sur da provincia de Pontevedra e o norte de Portugal continúa avanzando nunha estratexia de cooperación intelixente. Con este obxectivo púxose en marcha o pasado outono o proxecto europeo Smart Miño, no que están involucradas a Deputación de Pontevedra, a Fundación Centro de Estudos Euro Rexionais e o CIM Alto Minho. Este xoves, no marco do I Forum do río Miño transfronteirizo que se celebra en Valença presentouse ás asociacións, organismos, institucións e empresas un documento base que inclúe os resultados dos estudos preliminares elaborados.

A finalidade deste foro é dar un paso máis dentro da elaboración da Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo, un documento que establecerá os eixos xerais e obxectivos específicos para un desenvolvemento conxunto baseado na utilización e posta en valor dos recursos endóxenos, e na cooperación intelixente entre actores institucionais e sociais de ambas beiras do río. O encontro foi inaugurado esta mañá polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, en calidade de presidente da FCEER, entidade que aglutina ás seis universidades da zona; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o presidente da Câmara Municipal de Valença, Jorge Mendes e o presidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, José María Costa.

A presidenta de Deputación trasladou o seu agradecemento “ás alcaldías e presidencias das cámaras lusas por facer propostas de colaboración en proxectos comúns de cooperación transfronteiriza. Temos que ser optimistas polo pouco tempo en que fomos quen de crear a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) río Miño cun proxecto sólido". Apuntou tamén que "o novo proxecto de orzamentos comunitarios está aí e precisamos unha estratexia definida para acadar voz en Europa. Así expresaremos as nosas necesidades nun proxecto conxunto onde o río Miño é o centro dun territorio, non a fronteira". Pola súa banda, o reitor Manuel Reigosa fixo especial fincapé na necesidade de implicar ás universidades no territorio, e resaltou como estratéxica a cooperación das seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Primeira análise conxunta sobre ambas beiras do Miño
Esta é a primeira vez que se realiza unha análise e diagnose profunda sobre as necesidades e potencialidades desta área xeográfica, co Miño como elemento de unión. Así, a primeira etapa do proxecto Smart Miño consistiu na análise e diagnose realizado por un equipo científico composto por expertos e expertas en economía, xeografía, turismo ou socioloxía. A partir destas primeiras pesquisas elaborouse un documento de base que é o que se presentou nesta xornada para a discusión cos axentes sociais. Como explica o director da FCEER, Valerià Paül, "un proceso estratéxico non pode existir sen participación cidadá e esperamos moito retorno por parte da sociedade civil para matizar, enriquecer, contrastar e mesmo contradicir o que está explicado neste documento base do que partimos".

Así, este primeiro borrador da Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño aposta por facilitar a implementación de proxectos concretos que xeren dinámicas positivas en relación cos sectores produtivos do territorio; desenvolver redes de goberno; promover a mobilidade e os servizos compartidos en ambos os lados da fronteira; implementar accións de turismo sustentable e especificar accións no campo da cultura e do comercio tradicional; mellorando o grao de integración territorial e a imaxe e atractivo do Minho transfronteirizo.