Oficina CEER
 25-06-2018
DESCOBREN O PAPEL DO AFLORAMENTO NA MESTURA DAS AUGAS NA RÍA DE VIGO

Na investigación están implicadas as universidades de Vigo e Southampton e o IIM.CSIC.

O estudo describe por primeira vez os factores que determinan a turbulencia durante o verán.

Un equipo de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e a Universidade de Southampton acaban de describir por primeira vez os factores que determinan a turbulencia na ría de Vigo durante a época de verán. Os resultados do seu estudo permiten coñecer o papel do afloramento na mestura das augas da ría e dado o seu impacto científico o Journal of Geophysical Research, prestixiosa revista do eido da oceanografía, publica no seu último número o traballo coordinado pola investigadora do Grupo de Oceanografía Biolóxica Beatriz Mouriño e que asina xunto con Bieito Fernández, Miguel Gil e R. Graña do IIM-CSIC, Alberto Naveira da Southampton University e Marina Villamaña, estudante de doutoramento da Universidade de Vigo.

A turbulencia, explican os investigadores, é o conxunto de movementos caóticos, moi a miúdo rotatorios e sempre presentes, que xoga un papel moi importante nos océanos. Son ademais fenómenos que se presentan a modo de movementos moi variables, que van dende remuíños duns poucos centímetros ata unhas cantas ducias de quilómetros. En todos os casos, provocan que as augas profundas -que afundiron hai séculos nas rexións polares- emerxan de novo á superficie, pechando así a circulación global dos océanos. Ademais, a turbulencia controla a actividade do fitoplancto, pequenas algas microscópicas responsábeis da maior parte da fotosíntese que acontece no océano, xa que determina a cantidade de luz e nutrientes que reciben estes organismos.

A turbulencia, básica para “a extraordinaria riqueza da ría"

Durante a época estival, os ventos do norte fan que augas atlánticas profundas penetren cara ao interior das rías como unha lingua que se arrastra polo fondo, un fenómeno coñecido como afloramento costeiro. “Os resultados do noso estudo demostran que o afloramento interacciona coas correntes de marea, volvéndoas intestables e creando condicións favorábeis para a turbulencia durante a baixada da marea”, explica Bieito Fernández, primeiro autor da publicación e investigador posdoutoral no IIM. A turbulencia que se xera desta maneira fai que as augas profundas, frías e ricas en nutrientes, se mesturen coas augas de superficie. Os nutrientes emerxen así cara á superficie, onde poden ser utilizados polo fitoplancto, a parte vexetal do plancto. “Por este motivo, a interacción que vimos de descubrir xoga un papel importante na extraordinaria riqueza da ría” sinala Beatriz Mouriño, profesora da Universidade de Vigo e coordinadora do proxecto.

A pesar da súa relevancia, o fenómeno da turbulencia é un gran descoñecido debido a que a súa natureza caótica e impredicible fai moi difícil obter medidas que permitan caracterizala. Só o desenvolvemento tecnolóxico das últimas décadas está a facer posible superar esta limitación e, de feito, o estudo que se publica esta semana supón a primeira descrición exhaustiva da variabilidade da turbulencia nas rías galegas e os factores que a influencian.

A recollida de datos, abordo do buque oceanográfico Mytilus

Os datos do estudo foron recollidos no marco do proxecto CHAOS (Control of tHe structure of marine phytoplAnkton cOmmunities by turbulence and nutrient supply dynamicS), financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade. O obxectivo do proxecto era entender como a turbulencia no océano afecta ao fitoplancto e para iso, explica Mouriño, analizaron as “bases de datos obtidas polo noso grupo de investigación en diferentes partes do océano, como as rías galegas, o golfo de Vizcaya, o Mediterráneo, as rexións tropicais e subtropicais dos océanos Atlántico, Índico e Pacífico e a Antártida”.

O artigo publicado no Journal of Geophysical Research é froito dun traballo de cinco anos e céntrase en describir os resultados obtidos na campaña oceanográfica na ría de Vigo, que se desenvolveu a bordo do buque oceanográfico Mytilus en agosto de 2013. “Realizamos dúas saídas coincidindo con períodos de mareas vivas e mortas”, lembra a coordinadora do estudo, e en ambos casos para caracterizar a turbulencia na ría, os investigadores empregaron un moderno perfilador de microestrutura que mide as flutuacións da corrente causadas pola turbulencia a escala de poucos centímetros. “Durante cada campaña operabamos o equipo de modo continuo como se fose un ioió, baixando e subindo de superficie a fondo, durante 25 horas seguidas, sen descanso”, lembra Bieito Fernández. “Aínda que algo penosa, este tipo de mostraxe intensiva é imprescindible para caracterizar a turbulencia de maneira axeitada”, puntualiza Miguel Gil, investigador do IIM. Esta operación interrompeuse cada hora para coller mostras de auga para analizar as concentracións de nutrientes e determinar as especies presentes de fitoplancto, como recalca Beatriz Mouriño, que asume que se trata dun tipo de traballo que “é intenso pero paga a pena se permite desvelar algúns dos segredos que aínda hoxe gardan as nosas rías”. De feito, Mouriño tamén remarca que os resultados obtidos en CHAOS “nos inspiraron para poñer en marcha o proxecto Remedios, que están a desenvolver na actualidade”, conclúe.

Fonte: duvi.uvigo.es