Oficina CEER
 02-07-2018
UN INFORME DA UDC PIDE QUE AS FESTAS PARROQUIAIS SEXAN PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL DE GALICIA

A Sala de Prensa da Reitoría acollerá o vindeiro luns, 2 de xullo, a rolda de prensa de presentación do informe do Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña Carlos Amoedo, realizado para a Asociación Galega de Orquestras, no que se pide á Xunta de Galicia a declaración da “festa parroquial galega” como Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.

O catedrático da UDC estará na sala de Prensa ás 13:15h. xunto co presidente da Asociación Galega de Orquestras, Manuel Fariña, e a asesora xurídica da asociación, Raquel Grela. O profesor universitario realizou un exhaustivo informe xurídico para avalar esta proposta que se presenta, ademais, no día en que entra en vigor a nova Lei de Espectáculos Públicos de Galicia.

Amoedo defende no seu ensaio que “a festa parroquial é un fenómeno cultural inmaterial de seu, que amalgama toda unha serie de tradicións, vivencias e modos de organizar o tempo de lecer no noso país. Unha tradición de longa historia, que chegou aos nosos días tras diversos procesos de modernización, adaptación e reinterpretación”. Do que se trata, concreta Amoedo é de “recoñecer unha modalidade festiva tradicional galega, que posúe uns valores propios singulares e transversalidade territorial”.

Fonte: www.udc.es