Oficina CEER
 04-07-2018
ALUMNOS DE TODA EUROPA APRENDEN GALEGO NA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

Catorce alumnos de Italia, Alemaña, Polonia, Ucraína, República Checa e de Cataluña e País Vasco estudarán galego este mes na Universidade da Coruña. O curso de Lingua e Cultura Galegas para Persoas Estranxeiras, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da UDC coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Ligüística, chega este verán á súa décima edición. Ten como obxectivo proporcionarlle ao alumnado un achegamento á lingua e á cultura propias de Galicia combinando as actividades teórico-prácticas con actividades culturais.

A Reitoría acolleu esta mañá o acto de inauguración presidido polo secretario Xeral da UDC, Carlos Aymerich, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora do Servizo de Normalización Lingüística, Marisol Ríos.

Ríos lamentou que aínda que a literatura galega ten moito prestixio non sucede o mesmo coa lingua polo que agradeceu expresamente a presenza do alumnado estranxeiro que vén aprender unha lingua que cada vez se emprega menos. Aínda que coincidente nesta apreciación, Aymerich apuntou un pouco máis de optimismo e asegurou que o problema do galego é común a todas as linguas que compiten con outras coas que conviven e que teñen un estado detrás. Pola súa banda, García desmentiu que o galego sexa unha lingua minoritaria. “Pasamos do millón de falantes, o que a nivel europeo se considera unha lingua media”, puntualizou, recoñecendo que “non se fala tanto como hai douscentos anos porque hoxe o galego compite cunha gran lingua do mundo como é o castelán, pero o 90% da poboación galega coñece e entende o noso idioma”.

O secretario Xeral de Política Lingüística agradeceu á Universidade da Coruña que “sempre tivo unha sensibilidade especial co galego e con traer estudantes estranxeiros para que teñan contacto coa nosa lingua e a nosa cultura”. Finalmente, Valentín García nomeou aos estudantes de galego “embaixadores da nosa lingua” coa que “tedes un contrato a partir de hoxe”.

Fonte: www.udc.es