Oficina CEER
 04-09-2018
COMPOSTELA REÚNE ESTES DÍAS GRANDES MESTRES DO XADREZ INTERNACIONAL

Nun evento único no que xadrecistas galegos competirán con eles para optar aos títulos de Mestre e Gran Mestre Internacional.

Dende este mércores e ata o 13 de setembro terá lugar en Santiago un evento único no que algúns dos mellores xadrecistas galegos terán a oportunidade de enfrontarse a destacadas figuras mundiais co obxectivo de acadar os títulos de Mestre e Gran Mestre Internacional.

O I Torneo Maxistral Cidade de Compostela ten vocación de converterse nunha cita de referencia no xadrez galego, que permita aos xogadores máis fortes do noso país medirse con figuras da elite mundial e así poder acadar as distincións de Mestre Internacional e Gran Mestre, o título de máis alto rango concedido pola Federación Internacional de Xadrez.

O torneo
A competición celebrarase na Sala de Usos Múltples do Colexio de Fonseca (antigo comedor), con entrada habilitada para os espectadores dende os xardíns de Fonseca o día 5 a partir das 14.00 horas, do 6 ao 12 a partir das 16.30, e o día 13 a partir das 9.30 horas. Tamén retransmitirase en liña a través da páxina https://chess24.com/es cos comentarios en directo do Grande Mestre galego David Lariño.

O torneo está deseñado en formato pechado, no que dez xogadores loitarán entre eles en sistema liga, é dicir, todos contra todos. En relación aos xogadores galegos, os Mestres Internacionais Roi Reinaldo, Julio Suárez e o compostelán Diego Suárez competirán por acadar norma de Grande Mestre, para o que precisarán facer 6,5 puntos nas 9 partidas do torneo. Pola súa banda, os Mestre FIDE composteláns Luís Medarde e Fernando Sánchez farán o propio pola norma Mestre Internacional, o que lograrán sempre e cando cheguen aos 4,5 puntos.

Entre os xogadores convidados pola organización destacan catro Gran Mestres: o arxentino Sandro Mareco, situado entre os 100 mellores xogadores do mundo; o Gran Mestre Illmars Starotsis, campión absoluto de Letonia en 2002 e membro da selección olímpica letona; o rumano Marius Manolache e o arxentino Fernando Peralta, actual campión absoluto arxentino en 2018. A nómina de xogadores complétase co novo e talentoso xogador asturiano Carlos Suárez, que loitará tamén pola norma de Gran Mestre Internacional.

O Maxistral Cidade de Compostela que organiza a USC conta co apoio do Concello de Compostela, de Galicia Calidade, da Caixa Rural e da Federación Galega de Xadrez. Os seus representantes acompañaron esta mañá ao reitor compostelán, Antonio López na presentación da competición. Así, estiveron o alcalde da cidade, Martiño Noriega; os presidentes da Federación Galega e Española de Xadrez, Gaspar Pérez e Javier Ochoa, respectivamente; e o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela. Asistiu ademais a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo.

O xadrez na USC

Que a competición se desenvolva na USC non é casualidade, xa que esta universidade conta dende hai máis de corenta anos cun club de xadrez e dende 1988 cunha escola, cuns resultados excelentes nos campionatos de España universitarios, que hoxe colocan á compostelá no posto de subcampioa.

Fonte: xornal.usc.es