Oficina CEER
 10-09-2018
A UNIVERSIDADE ABRE O CURSO COA POSTA EN MARCHA DE CINCO NOVOS GRAOS NO SISTEMA UNIVERSITARIO GALEGO

O reitor da UDC, Julio Abalde, cualifica as universidades como verdadeiras “factorías de talento”.

Pide consenso social e político para traballar por reverter as consecuencias da crise .

Ábrese un camiño de futuro coa implantación do primeiro grao interuniversitario.

A internacionalización dos campus, liña de traballo prioritaria para a universidade galega.

O Paraninfo da Universidade da Coruña acolleu esta mañá o acto de inauguración do curso universitario 2018/2019 das tres universidades galegas, nun acto presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e coa presenza dos tres reitores, Julio Abalde, da Universidade da Coruña, Antonio López, da Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo.

A lección inaugural correu a cargo do profesor doutor Moisés Alberto García Núñez, da área de Organización de Empresas, docente na Facultade de Ciencias do Traballo da UDC, quen impartiu a conferencia “O ruído industrial”. O profesor explicou os efectos, tanto fisiolóxicos como de tipo psicolóxico, provocados polo ruído nos traballadores a el expostos. García Núñez considera que “a seguridade e a saúde dos traballadores adquiriron nos últimos tempos unha gran relevancia e son obxecto de preocupación por parte dos empresarios e institucións de todo o mundo”. Por este motivo, é “esencial” a presenza nas empresas de profesionais competentes que “sexan capaces de organizar, xestionar e auditar o desenvolvemento das técnicas de prevención de riscos laborais e que dominen o marco lexislativo e a situación actual nesta materia”. De seguido, analizou a problemática do ruído que pode provocar perda de audición, elevación da tensión arterial, estrés ou aumento do risco de sufrir accidentes. “A perda da audición provocada polo ruído é a enfermidade profesional máis común na Unión Europea”, asegurou, engadindo que “é importante que os traballadores sexan conscientes disto e adopten as medidas oportunas para reducir a incidencia deste factor de risco na contorna laboral”.

A continuación, interveu o reitor da Universidade da Coruña antes de que tomase a palabra o presidente da Xunta de Galicia. Coa actuación do Coro Universitario concluíu o acto de apertura do novo curso universitario.

Discurso de apertura do curso 2018-2019 no Sistema Universitario Galego do Reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso:

https://www.udc.es/gl/novas/A-universidade-abre-o-curso-coa-posta-en-marcha-de-cinco-novos-graos-no-Sistema-Universitario-Galego/