Oficina CEER
 12-09-2018
A CÁTEDRA DO PAN E DO CEREAL DO CAMPUS TERRA DA USC PREMIA OS TFG OU TFM QUE POÑAN EN VALOR OS CEREAIS E O PAN TRADICIONAL

A convocatoria está aberta a presentación dos TFG/TFM presentados nos últimos dous cursos e contempla gratificacións en metálico e un contrato laboral no grupo Dacunha.

A Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC, creada pola institución académica e o Grupo Dacunha co obxecto de favorecer a investigación, a docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais, vén de convocar a primeira edición dos Premios da Cátedra do Pan e do Cereal, uns galardóns creados co obxectivo de premiar aqueles traballos finais de grao (TFG) ou traballos finais de máster que contribúan de forma decisiva a poñer en valor os cereais e o pan tradicional.

Esta convocatoria está aberta á presentación de todos os TFG/TFM defendidos en calquera das convocatorias habilitadas ao longo dos cursos 2016-17 e 2017-18 e cuxa temática garde relación con calquera das fases desde a produción dos cereais ata comercialización dos produtos obtidos. Daquela, a temática sobre a que poden tratar os traballos de investigación que concorran a este galardón é ampla, xa que abrangue desde o cultivo e a rotación de cereais, procesos de secado, almacenamento, procesos de moenda, mesturado e envasado de fariñas, usos comerciais dos produtos de rotación de cereais, estudos da vida útil de fariñas, procesado de pan e doutros derivados de cereais, vida útil do pan e derivados, pans enriquecidos, derivados de cereais con alto valor engadido, estudos nutricionais…

Prazos de presentación de candidaturas e premios

O prazo de presentación de candidatura á primeira edición dos Premios da Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC permanecerá aberto ata as 14.00 horas do 30 de setembro de 2018. As persoas interesadas deberán formalizar a súa solicitude no rexistro electrónico da USC. As solicitudes, asinadas polo autor e dirixidas á Vicerreitoría de Internacionalización, deben incluír na súa documentación, tal e como recollen as bases desta convocatoria, o DNI do solicitante, resumo do TFG/TFM (1 cara de folio tamaño DIN A4 en formato PDF) e a memoria completa do TFG/TFM en formato PDF.

O Grupo Dacunha e a USC acordaron establecer premios, que constarán dun diploma de mérito (tanto para o/a alumno/a autor/a do TFG/TFM, como para o titor/a do mesmo) e dunha dotación económica para o autor/a de 1.000, 500 e 250 euros, respectivamente, para as tres propostas máis valoradas. O Grupo Dacunha reserva asemade a posibilidade de ofrecer un contrato de traballo a un dos gañadores para desenvolver a temática do seu proxecto durante un período de seis meses.

Composición e fallo do xurado

O xurado encargado de fallar esta primeira edición dos Premios da Cátedra do Pan e do Cereal estará formado por 7 membros, pertencentes á USC e ao Grupo Dacunha. Os criterios empregados para a valoración das candidaturas terán en conta a orixinalidade e innovación do traballo, a aportación persoal do alumno e o alcance do traballo a nivel formativo; a calidade, rigor e metodoloxía científica axeitada ao problema exposto; a posta en valor do pan tradicional, cereais e outros derivados; a utilidade ou aplicabilidade social, científica e a capacidade de achegar a resolución de problemas ou necesidades científicas ou sociais, así como a viabilidade económica e a creación de postos de traballo. A resolución do xurado tomarase en Lugo e a súa decisión inapelable farase pública no mes de decembro de 2018.

Fonte: xornal.usc.es