Oficina CEER
 01-07-2008
Unha nova imaxe corporativa axudaría a mellorar o coñecemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal entre os universitarios

A maioría dos universitarios galegos e portugueses descoñecen que é e para que serve a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, cales son as súas vantaxes e os seus obxectivos. Esta é unha das principais conclusións da investigación que dúas profesoras da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación fixeron ao longo de cinco meses en colaboración coa Universidade Fernando Pessoa de O Porto. Deste xeito, Ana Belén Fernández Souto e Montserrat Vázquez Gestal propoñen no seu estudo a realización dunha campaña de comunicación para mellorar a información que a cidadanía e en concreto os universitarios teñen desta zona xeográfica. Unha das responsables do proxecto, Ana Belén Fernández Souto, destacou que “aínda que nun primeiro momento a porcentaxe dos enquisados manifestou non coñecer o concepto, a situación non era alarmante e agravouse a medida que avanzamos na investigación, cando a estatística amosou que efectivamente a maioría dos alumnos galegos e do Norte de Portugal non saben en que consiste e que lles pode aportar esta área estratéxica”, comentou a investigadora. Pola súa banda, Montserrat Vázquez afirmou que “a Eurorrexión é un proxecto consolidado a nivel territorial, político e económico, pero en materia de comunicación queda moito por andar”.

Unha nova imaxe para mellorar o coñecemento da Eurorrexión
Unha das principais apartacións que as dúas investigadoras expoñen no seu proxecto en colaboración coa universidade veciña, é a necesidade de levar a cabo unha campaña de comunicación na que se potencie o coñecemento da Eurorrexión entre a cidadanía. Ademais, segundo explican as participantes, a campaña debe apoiarse nunha nova imaxe corporativa que achegue as vantaxes que esta área estratéxica brinda aos universitarios. “Cos resultados que obtivemos faise necesaria a creación dunha renovada Eurorrexión, accesible e facilmente identificable”, explicou Ana Belén Fernández Souto, ao que engadiu que “na estratexia comunicativa deberían terse en conta os valores que diferencian a galegos e portugueses para establecer as liñas xenéricas de actuación da nova identidade como tradicional, marítima, en desenvolvemento, histórica, turística e con unha clase social predominante de tipo medio”, explicou a docente.

1400 enquisas para levar a cabo a investigación
Para obter a maior información posible sobre o grado de coñecemento dos universitarios sobre a Eurorrexión, así como os valores que portugueses e galegos se adxudicaban mutuamente, as docentes confeccionaron unha enquisa na que se formulaban estas cuestións, tendo en conta que a percepción inicial era “que atoparíamos un total descoñecemento por parte dos enquisados sobre o tema”, apuntou Fernández Souto. Deste xeito, preguntaron a 1400 estudantes de universidades públicas galegas e portuguesas co obxectivo de obter unha representatividade suficiente e unha marxe de error estatístico inferior a tres. Aínda que o estudo realizouse en colaboración coa Universidade Fernando Pessoa de Porto, a investigación centrouse en institucións públicas xa que “en Galicia son as que existen e en Portugal hai unha gran cantidade de centros privados, pero cunha categoría distinta ás universidades”, explicou Fernández Souto. Finalmente, Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, en Galicia, e Porto, Tras os Montes, Alto Douro e Minho, en Portugal, foron as seleccionadas para o traballo, entrevistando a 240 alumnos en centros da institución viguesa.