Oficina CEER
 08-07-2008
O estudo dos fondos profundos na área de A Selva centrará a campaña inaugural do Sarmiento de Gamboa

Investigadores dos departamentos de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, de Física Aplicada e de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo participarán desde o vindeiro luns 7 de xullo e ata o 2 de agosto na campaña inaugural do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa. Tras case un ano de probas, o buque do Centro Superior de Investigaciones Científicas, partirá do porto de Vigo para desenvolver nas vindeiras semanas unha campaña na área coñecida como A Selva, situada a unhas 45 millas ao noroeste de Ferrol, e na que xunto a investigadores das tres universidades galegas, participará persoal do Centro de Investigacións Mariñas e da Unidade Técnica de Pesca de Baixura. Baixo a dirección de Victoriano Urgorri, director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña e de Miguel Angel Nombela, director do grupo de investigación XM1 do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo, a campaña consta de tres fases nas que se estudarán diferentes aspectos dos fondos profundos da costa noroeste de Galicia. Así a campaña ASELVA 08 permitirá en palabras de Urgorri "realizar por primeira vez un estudo multidisciplinar para desentrañar a estrutura dunha área que ten un grande interés e da que, como ocorre cos fondos profundos, apenas existe información.

Estudo multidisciplinar dunha área descoñecida
Para desentrañar os segredos que ocultan estes fondos que van dos 200 aos 5000 metros de profundidade e dos que segundo Urrgori "coñécese menos que da superficie da lua", a campaña que comeza o 7 de xullo divídese en tres fases con campos de traballo perfectamente definidos. Así os investigadores da Universidade de Vigo, MIguel Angel Nombela, Gabriel Rosón, Elsa Vázquez e Bernandino González, centraránse nos campos das xeociencias, oceanografía física, plancto, bioloxía larvaria e ecoloxía trófica, mentres que os investigadores das universidades de Santiago e A Coruña centraránse na biodiversidade bentónica e nas pesquerías, respectivamente. “Dun traballo multidisciplinar que se desenvolverá na primeira fase e na que se estudará, por exemplo a cadea trófica”, explica Nombela, “pasarase na segunda fase a o estudo da fauna bentónica, para rematar coa parte dedicada a morfoloxía do fondo, sedimentos e xeoloxía”, explica o investigador.

Bautismo científico do Sarmiento de Gamboa
Ademais do interese da zona polos encastramentos de carbonato cálcico que presenta, a campaña que arranca o luns ten como obxectivo a avaliación do Sarmiento de Gamboa. Aínda que o buque máis moderno e tecnoloxicamente mellor dotado da investigación oceanográfica española xa foi sometido a numerosas probas en augas de Francia e España, será en esta campaña inaugural cando se confirmen o que de momento son moi bos augurios. Para Salustiano Mato, director xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria "o buque permitirá romper as fronteiras do coñecemento no noso mar, grazas a un equipamento altamente sofisticado para estudar uns fondos onde hai moito por descubrir". Pola súa banda Urgorri e Nombela coinciden á hora de sinalar as condicións do buque oceanográfico. "É unha infraestrutura perfecta da que nos debemos sentir orgullosos", apunta o investigador da USC, mentres que para Nombela “ o Sarmiento é unha plataforma formidable con máis manga que o Hespérides e unha gran habitabilidade”. O tamén director da Área de Estudantes e Deportes da Universidade de Vigo considera que esta primeira campaña científica do Sarmiento de Gamboa, “permitirá detectar posibles fallos que ata o de agora non puideron observarse por que non se realizou un traballo real co buque”. Tras esta campaña inaugural, segundo anunciou Salustiano Mato, unha comisión científica formada por expertos será a encargada de coordinar a utilización do buque oceanográfico nos 45 días ao ano nos que a administración galega pode dispoñer do barco.Construído no astaleiro Construcciones Navales P.Freire, onde foi botado en 2006, o Sarmiento de Gamboa incorpora as máis avanzadas tecnoloxías tanto en sistemas de navegación como en equipamento científico. Ademais é o primeiro buque español que pode traballar con ROV,s, Remote Operated Vehicle, en grandes profundidades e con AUV,s, Autonomus Underwater Vehicle.