Oficina CEER
 17-01-2019
VIGO PROCURA NOVAS VÍAS DE COLABORACIÓN CON UNIVERSIDADES SUECAS NOS ÁMBITOS DA MOBILIDADE E A INVESTIGACIÓN

Tamén se exploraron fórmulas de cooperación en políticas de igualdade.

Nun contexto de crecente oferta formativa en inglés en ambos países; de incremento do atractivo do idioma español, o máis popular en Suecia despois do inglés,; no que España é o cuarto destino favorito do alumnado sueco para realizar mobilidades e no que se vai producir, despois do ano 2020, un incremento de fondos europeos destinados a intercambio e outras iniciativas de cooperación educativa, celebrouse na Universidad de La Laguna un encontro de representantes de centros de educación superior españois e suecos. Preto dunha vintena de institucións académicas españolas e o Servizo Español para la Internacionalización de la Educación Superior (Sepie) e oito institucións académicas suecas, ademais do Consello Sueco para a Educación Superior, participaron na xuntanza, celebrada co obxectivo de establecer un contacto directo entre as universidades dos dous países para establecer vías de colaboración, especialmente a través do intercambio de estudantes e profesorado e a cooperación en investigación.

“A Universidade de Vigo explorou a ampliación de convenios de mobilidade xa existentes con universidades suecas presentes no encontro, así como a celebración doutros con aquelas que non existían; a cooperación en relación con distintos ámbitos de investigación; así como o intercambio de boas prácticas e cooperación universitaria en materia de desenvolvemento e políticas de igualdade, ámbitos nos que as universidades suecas son referentes”, explica Laura Movilla, directora da Área de Internacionalización, que asistiu á reunión en representación da institución académica viguesa. Entre as conclusións do encontro, Movilla destaca a súa utilidade como punto de partida para futuras colaboracións, así como de foro de intercambio de boas prácticas. “Tamén se puxo de relevo a necesidade de facer fronte a desafíos como o incremento da oferta formativa en inglés, ou os que impoñen os recentemente impulsados intercambios virtuais e outras iniciativas de internacionalización en casa”, detalla a directora da Área de Internacionalización.

Fonte: duvi.uvigo.es