Oficina CEER
 24-01-2019
DÍA INTERNACIONAL EN MEMORIA DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO

Un ano máis, a USC colabora coa comunidade xudía de Galicia nos actos do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, que ten lugar en todo o mundo os 27 de xaneiro e que este ano aquí se adianta ao venres 25.

No acto, a desenvolver ás 19.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, proxectarase o documental ‘Shoah, os esquecidos da Historia’ (2014), dirixido por Véronique Lagoarde-Ségot sobre o exterminio de tres millóns de xudeus por parte dos nazis na fronte oriental durante a Segunda Guerra Mundial e a tentativa de esquecemento que pretenderon as autoridades soviéticas. A cinta mostra imaxes reais da barbarie gravadas polo exército de Stalin que no seu día foran censuradas.

Ao remate da proxección, e como xa é habitual, terá lugar unha pequena cerimonia de homenaxe ás vítimas.

Organizan esta xornada a Comunidade Xudía de Galicia e a Asociación Galega de Amizade con Israel.

Fonte: xornal.usc.es