Oficina CEER
 10-07-2008
O Centro de Documentación Europea da USC participa nun proxecto internacional sobre o acceso á información europea nas Universidades

O Centro de Documentación Europea da USC (CDE) participa no desenvolvemento do proxecto europeo ‘Communicating Europe at the University by multimedia formats’ que estes días celebra unha xuntanza de traballo en Barcelona. No encontro participa en representación da USC a técnica do CDE, Elena Pérez Carrillo.

Liderado polo Centro de Documentación da Autónoma de Barcelona, no proxecto participan como socios españois os CDE das universidades de Xirona, Salamanca, A Coruña e da de Santiago, aos que hai que sumar os das universidades de Tartu (Estonia), Ferrara (Italia), e do Minho (Portugal).

O obxectivo do proxecto, financiado pola Dirección Xeral de Comunicación da Comisión Europea, será crear material audiovisual interactivo e multilingüe para facilitar o acceso a información europea, adaptándoo ás necesidades dos usuarios dos centros de documentación nas universidades. Para acadar máis información sobre o proxecto, as persoas interesadas poden dirixirse á web http://selene.uab.es/ce-documentacio-europea/exchange/proposal.htm