Oficina CEER
 04-03-2019
AXENDA FEMINISTA NA USC

Como cada ano, a Universidade de Santiago ten previstas en marzo numerosas accións encamiñadas a reivindicar a igualdade efectiva entre mulleres e homes. O acto institucional da USC conmemorativo do Día Internacional das Mulleres será o vindeiro xoves 7 e nel recoñecerase a Biblioteca Universitaria pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero.

Mais a axenda feminista da USC comezou xa este venres 1 con varias actividades reivindicativas. Por unha banda, a Facultade de Xeografía e Historia acolle no segundo andar a exposición Malvadas Princesas Putas. Construción do feminino no cine e, por outra, Ciencias Económicas e Empresariais ten xa en marcha a campaña Perchas 8M ‘O/s meu/s motivo/s para ir a folga’ e dedícalle este mes o seu Póster de mulleres economistas relevantes a Jane Marcet.

As seguintes accións terán lugar o 6 de marzo en varias localizacións da USC. Organizada polo Servizo de Deportes, na Piscina Universitaria pasarán 24 Horas nadando pola Igualdade de Xénero no deporte. No Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ás 12.00 horas terá lugar a mesa redonda ‘Economía e Xénero’ organizada por alumnado, e ás 19.00 no Salón de Actos da Facultade de Profesorado proxectarase ‘ Tódalas mulleres que coñezo’.

O día 7, previo ao acto institucional, terá lugar ás 10.00 horas o descubrimento da placa Aula Luisa Cuesta na Biblioteca Concepción Arenal, que cambia o nome a esa muller por ser a bibliotecaria destinada nesta Universidade entre 1921 e 1930 e por ser a primeira alumna matriculada nos estudos de Dereito da USC. Ese mesmo día ás 12.30 horas en Económicas desenvolverase o coloquio A carreira profesional das ex-alumnas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

Xa os días 13 e 14, en Santiago e Lugo, respectivamente, desenvolveranse as II Xornadas de sensibilización e prevención sobre a violencia sexual en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade.

Por outra banda, e como acción transversal, hoxe comezou a acción #MulleresUSC que consistirá nun álbum fotográfico no perfil institucional de Facebook (@UniversidadeUSC) no que ao longo de todo mes se irán incorporando instantáneas das traballadoras e alumnas da USC coa fin de visibilizar a súa presenza en todos os estamentos, servizos e centros desta institución.

Fonte: xornal.usc.es