Oficina CEER
 05-03-2019
UN 8M TINGUIDO DE VERMELLO E LILA

A ex directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín, recibiu o Premio uviguala 2019.

A menstruación foi o eixo central do acto que tivo lugar en Miralles.

“Sangro cada mes para que a humanidade sexa posible. O meu útero é unha fonte de vida para a nosa especie escolla eu crear ou non. Pero raramente se entende así. Menstruamos e veno como algo sucio, enfermizo, unha carga coa que pretendemos chamar a atención. Como se este proceso fose menos natural que respirar. Como se non fose unha ponte entre este universo e o futuro. Como sen non fose un proceso de amor. Traballo. Vida. Desinteresado e sorprendentemente fermoso”. Con estes versos, inspirados no poema Period de Rupi Kahur, que ilustran o cartel co que a Universidade de Vigo celebra este ano o Día Internacional da Muller, comezaba este mediodía o acto central co que a institución académica festexa o 8M. Foi a cantante Sabela King a encargada de poñer voz aos versos cos que arrancou un acto no que a menstruación foi o eixo central e no que a ex directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín, recibiu o 7º Premio de compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo, uviguala 2019.

O reitor, Manuel Reigosa, referiuse na súa intervención ao acaído deste galardón outorgado “a unha muller referente no ámbito da igualdade da Universidade”, ao tempo que asegurou que aínda queda moito camiño por percorrer neste ámbito, tamén na universidade. “O mundo non será máis xusto nin feliz ata que haxa igualdade”, asegurou o reitor, que deu lectura á resolución da Comisión de Igualdade que acordou outorgar o Premio uviguala 2019 a Anabel G. Penín pola súa entrega e compromiso co feminismo, por incrementar e desenvolver actividades e políticas de xénero e por situar á Universidade de Vigo como referente no mapa estatal. As interpretacións musicais de Sabela King, a performance Conax da ex alumna de Belas Artes Sandra Varela e a lectura do manifesto feminista elaborado polo alumando e do poema Queremos querernos, querervos da alumna Tamila Alem, puxeron o contrapunto artístico ás intervencións do reitor, da premiada Anabel G. Penín e da directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gomez.

Unha “feminista radical” agradecida
A vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, foi a encargada na súa intervención de achegar ás e aos asistentes ao acto o sentido dunha homenaxe que “tiña que se experiencial, combinando a carga poética e o humor”, asegurou, ao tempo que convidou á comunidade universitaria “a pensar como as mulleres que chegan ao máis alto deben guiar a aquelas que van por detrás e non quitarlles a escaleira nese arduo percorrido”.

Tras recoller de mans do reitor o galardón uviguala 2019 e agradecer ao actual equipo de Goberno o recoñecemento, Anabel G. Penín comezou a súa intervención proclamándose “feminista radical” e asegurando que o seu período á fronte da Unidade de Igualdade “fíxome ser mellor profesional, pero sobre todo mellor persoa”. O emprego da linguaxe inclusiva, a incorporación por iniciativa propia de medidas de igualdade nos órganos de goberno ou a consolidación nos novos Estatutos da igualdade de xénero, foron algúns dos avances máis salientables aos que a González Penín fixo referencia nun discurso inzado de agradecementos, pero no que tamén recoñeceu as dificultades do seu cargo. “Sentín a soidade do posto, tiven que xustificar demasiadas veces o meu traballo, tiven que volver a empezar en moitas ocasións, outra vez a explicar o porqué da necesidade de implantar políticas de igualdade nunha institución pública”, detallou a ex directora da Unidade de Igualdade, que lembrou o asasinato pola violencia machista da alumna Ana María Enjamio como “o peor día da miña vida profesional”.

Sobre o acadado pola Unidade de Igualdade baixo o seu mandato, Anabel G. Penín asegurou que nunca sería posible “sen o acompañamento de todas as membras e algún membro da comunidade universitaria que colaboraron coa unidade, especialmente organizando as actividades de sensibilización e introdución da perspectiva de xénero na docencia”. Ademais de ás bolseiras que a acompañaron durante o seu mandato, a responsable da Unidade de Igualdade, agradeceu a confianza de Cándido Betanzos, “que foi a persoa que pensou en min para ocupar a dirección da unidade” e o apoio do ex reitor Salustiano Mato, “que sempre me deixou traballar libremente e amosou a súa confianza en min”. A complicidade de “feministas recoñecidas” como Coral del Río, Belén Martín, María Jesús Fariña e Ana Bringas; a colaboración desinteresada de Soledad Torres, Almudena Fariña, Mar Caldas e Verónica Salgueiriño para levar adiante as iniciativas Artistas e Elas fan CienTec e a fronte común creada coas súas homólogas das universidades de A Coruña e Santiago, foron outros recoñecementos realizados pola galardoada co premio uviguala 2019, que sinalou que “quedou moito por facer e que os mecanismos institucionais, arcaicos en xeral, impediron rachar as verdadeiras causas que provocan as discriminacións de xénero que son sempre estruturais”.

Anabel G. Penín finalizou a súa intervención alertando do momento sociopolítico actual e reivindicando a educación como instrumento para cambiar o mundo, ao tempo que expresou a súa confianza en que “a institución continúe traballando para afondar nas políticas de igualdade poñendo especial atención nas históricas discriminacións que sufrimos as mulleres que seguen sendo, sen dúbida, as máis numerosas. Nin un paso atrás!”, rematou.

Unha senda lila e un manifesto de denuncias e esixencias feminista Pola súa banda a actual directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, reiterou na súa intervención o compromiso do equipo de goberno de continuar “a senda lila trazada por compañeiras como Anabel G. Penín e moitas outras co fin de erradicar da nosa Universidade o sexismo, as violencias machistas e a invisibilización das achegas da mulleres á ciencia”. Con este obxectivo, Gómez destacou que se están a promover políticas de xénero que favorezan a igualdade , que faciliten a conciliación e corresponsabilidade da vida persoal, familiar e laboral e que promovan masculinidades que “traizoen o mandato patriarcal. A igualdade está de festa e estes novos ventos misóxinos que percorren o noso país, no a van deter”, asegurou a directora da Unidade de Igualdade.

A autora do cartel co que a Universidade conmemora este ano o Día Internacional de Muller, Nuria Ferreiro, foi a encargada de poñer voz ao manifesto feminista elaborado por un grupo de alumnas representantes no Claustro da Rede de Estudantes e no que se denuncia que “o sistema educativo, a Universidade incluída, está estruturado de forma que lexitima a discriminación froito da sociedade patriarcal que sufrimos as estudantes”. De feito, subliñan que a escola, os institutos e as facultades “seguen perpetuando os roles de xénero, os estereotipos e o amor romántico heterosexual como modelo único de relación afectivo-sexual. A educación que recibimos neste plano é escasa, cando non nula, e en calquera caso baseada no medo e non no pracer, reducíndonos a meros obxectos e facendo referencia a un único modelo, o heteronormativo”.

Ante esta situación, as estudantes formulan unha serie de demandas para construír unha Universidade máis feminista, e por tanto, máis xusta e máis democrática, que pasan por contar con escolas infantís de acceso de balde para as estudantes; produtos de hixiene feminina a disposición das estudantes, así como o fomento de outros máis respectuosos coa nosa saúde e o medio ambiente; dotar os centros de baños non binarios; implantar unha materia específica de Estudos de Xénero, como optativa na Facultade de Ciencias e Historia e obrigatoria en Ciencias da Educación; e, finalmente, ofrecer máis información sobre os mecanismos dos que as estudantes dispoñen para denunciar as violencias machistas no ámbito da universidade, así como apostar pola linguaxe inclusiva nas aulas.

Fonte: duvi.uvigo.es