Oficina CEER
 10-04-2019
ALUMNADO DO CAMPUS DE FERROL GUIARÁ A PERSOAS CON ALZHEIMER E OUTRAS DEMENCIAS NA FABRICACIÓN DE ELEMENTOS DECORATIVOS REUTILIZANDO MATERIAIS PLÁSTICOS

O alumnado do primeiro curso do Grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto realizará mañá, martes 9 de abril, ás 15:30 horas, na sede da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Ferrol (AFAL Ferrolterra), unha actividade de servizo á comunidade que servirá tamén para adquirir competencias transversais na materia Fundamentos da Física que imparte a profesora e integrante do Laboratorio de Plásticos (LabPlast), Ana Isabel Ares Pernas.

O pasado martes 2 de abril, os estudantes achegáronse ata a sede de AFAL Ferrolterra para compartir cos usuarios do centro a importancia da regra das 3R (reducir, reutilizar e reciclar) e para explicarlles como reciclar e identificar os distintos contedores a través dunha presentación con pictogramas e un bingo. Tal e como explica Ares Pernas, o obxectivo desta primeira actividade foi o de potenciar a memoria das persoas participantes e o de vincular os seus recordos coa actualidade.

Na xornada de mañá, martes 9 de abril, e na do vindeiro día 23, o alumnado guiará ás persoas participantes no proceso de fabricación dun elemento decorativo reutilizando materiais plásticos e fomentando así a psicomotricidade, as habilidades manuais e a memoria a curto prazo dos usuarios do centro implicados neste proxecto.

Fonte: www.udc.es