Oficina CEER
 15-07-2008
A avaliación por competencias centra o Encontro sobre Calidade na Educación Superior

Concibidas como unha sesión de estudo, reflexión e debate sobre temas estratéxicos para a calidade da educación superior, botaron a andar onte as xornadas sobre Avaliación por competencias, organizadas pola Universidade en colaboración coa Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación.

A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior brinda, a través do deseño das novas titulacións, unha oportunidade para reflexionar, actualizar e estruturar modelos de formación e metodoloxías docentes centradas na aprendizaxe dos alumnos, e non exclusivamente nas horas lectivas. Así o indicou Carmen García Mateo, vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, durante a inauguración das xornadas, que se desenvolverán ata hoxe no salón da graos da ETSE de Enxeñeiros Industriais. Polo tanto, “a creación dos novos graos debe fundamentarse no aseguramento da garantía de calidade e no fomento da aprendizaxe ao longo da vida”, segundo as súas verbas. En base a isto, os profesionais reunidos para esta ocasión abordan a avaliación das competencias que os alumnos deben acadar tralo período de docencia e a adecuación dos instrumentos empregados para esta tarefa, un tema que a vicerreitora considera “difícil, moi aberto, sen precedentes moi claros e comunmente aceptados”.

Pola súa banda, Rafael Cid Estarellas, responsable da Unidade de Comunicación da ANECA, agradeceu á Universidade a súa participación por segundo ano consecutivo nestes encontros de calidade, “moi necesarios para coordinar e mellorar o sistema universitario español”, tal como el mesmo sinalou.

O programa das xornadas
“O encontro que onte se inaugurou está plantexado como un percorrido polos distintos obxectivos específicos que queremos tratar”, explicou Inmaculada Prieto Jiménez, directora da área de Adaptación ao EEES da Universidade. Así, ao longo do día de onte afóndouse no proceso de deseño de titulacións sobre competencias, así como na pertinencia e viabilidade das mesmas. A necesidade de introducir cambios para afrontar o novo plantexamento dunha aprendizaxe centrada no alumno e na adquisición por parte deste de competencias será outro dos temas que dará contido á xornada, que rematará coa celebración de “catro talleres aos que os asistentes serán adxudicados en función do ámbito de ensino do que proceden”, apuntou Prieto. O labor do docente na avaliación por competencias centrará a sesión deste martes, que se complementará con experiencias de docentes de distintos ámbitos e universidades españolas.