Oficina CEER
 08-05-2019
BEN FERINGA, NOBEL DE QUÍMICA: “ATOPÁMONOS NO INICIO DUNHA NOVA ERA CIENTÍFICA”

O reputado investigador, que será investido doutor honoris causa, imparte este mércores a conferencia aberta "O gozo do descubrimento".

O científico neerlandés Ben Feringa, Premio Nobel de Química en 2016, participa esta semana en Compostela nunha visita institucional convidado polo Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) e o programa ConCiencia. Esta non é a primeira vez que visita Santiago, cidade na que xa estivo varias veces polo forte vínculo que ten con algúns dos investigadores da USC, “que sitúan no mapa da excelencia científica esta cidade e a súa universidade”, manifestou.

O Nobel, que fai o convidado número 40 do programa de divulgación científica que dirixe o profesor Jorge Mira, mantivo esta mañá un encontro cos medios de comunicación no que insistiu na importancia de fomentar vocacións científicas entre a xuventude. “Debemos preparar o alumnado para que pense non só no presente, senón tamén nos retos descoñecidos do futuro, nas posibilidades que nos depara a ciencia”, dixo. Para iso, os gobernos, “e nomeadamente os europeos”, deben “investir en talento, arriscar en ciencia”, advertiu.

O programa do catedrático de Química na Universidade de Groningen iníciase esta tarde cun encontro con estudantes de bacharelato de distintos institutos de Galicia. O acto ‘A arte de construír en pequeno: charlando cun Premio Nobel’ terá lugar ás 16.30 horas no CiQUS, un centro co que o laureado químico mantén unha estreita relación desde hai anos; non en balde, mesmo antes de ser recoñecido pola Academia Sueca ata tres investigadores principais realizaron estancias posdoutorais no seu laboratorio. Ao remate, ás 19.00 horas, Feringa será recibido polo reitor Antonio López no seu despacho de San Xerome.

Actos centrais
Os actos centrais da visita terán lugar este mércores 8. Nunha cerimonia matinal apadriñada polo profesor da USC e director científico do CiQUS, José Luis Mascareñas, Feringas será investido doutor honoris causa xunto co profesor Nicholas A. Peppas. A este respecto, esta mañá manifestaba a honra de recibir esta distinción “dunha universidade tan querida e prestixiosa”, se ben afirmaba que “honra é tamén poder traballar todos os días con xente nova brillante”.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas no Auditorio ABANCA (Preguntoiro, 23), impartirá a conferencia aberta ao público ‘The joy of discovery’ (‘O gozo do descubrimento’) enmarcada no Programa Conciencia da USC e do Consorcio de Santiago e na que actuará como padriño un dos seus antigos colaboradores, o profesor da USC e investigador principal do CiQUS Diego Peña. O relatorio conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Máquinas moleculares
Feringa é pioneiro no deseño e síntese de máquinas moleculares, é dicir, moléculas que poden actuar coma máquinas de tamaño nanométrico. Estas nanomáquinas coñecíanse en sistemas biolóxicos, pero era un verdadeiro reto construílas artificialmente. O profesor Feringa demostrou que isto é posible mediante síntese química en disolución, conectando selectivamente átomos e fragmentos moleculares.

O traballo do profesor Feringa no desenvolvemento de motores moleculares unidireccionais considérase clave para o progreso da nanotecnoloxía molecular. Demostrou que estes motores moleculares poden funcionar mentres están conectados a unha superficie e que o seu movemento pode mesmo desprazar obxectos macroscópicos. Tamén deseñou un ‘nanocoche’, isto é, un composto nanométrico que contén catro motores moleculares coma rodas e que se pode mover sobre unha superficie ao ser sometido a un estímulo externo como é a luz.

O descubrimento do profesor Feringa levou e levará a numerosas aplicacións científicas de vital importancia que lle fan afirmar que “nos atopamos no inicio dunha nova era”. No eido dos fármacos, por exemplo, traballan na construción de medicamentos intelixentes de máxima precisión, que cheguen xusto ao lugar que se precisa e aí se active con luz. Tamén no campo dos materiais, “ posibilitando que se reparen sos”, ou na robótica branda coa creación de nanomúsculos, explicou.

Fonte: www.xornal.usc.es