Oficina CEER
 10-06-2019
A UNIVERSIDADE DA CORUÑA ADHÍRESE Á DECLARACIÓN DO ESTADO DE EMERXENCIA CLIMÁTICA E ECOLÓXICA

O Consello de Goberno aprobou onte por unanimidade a adhesión da Universidade da Coruña á Declaración do estado de emerxencia climática e ecolóxica. A proposta partiu do estudantado que presentou o tema na sesión de Claustro que tivo lugar o mes pasado. Nesa sesión, o reitor, Julio Abalde, comprometeuse a tratar esta iniciativa no seguinte Consello de Goberno e así se tratou na sesión de onte, aprobándose por unanimidade.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO ESTADO DE EMERXENCIA CLIMÁTICA E ECOLÓXICA

Aprobada polo Consello de Goberno da Universidade da Coruña, na súa sesión do 4 de xuño de 2019, por unanimidade:

“Atopámonos, como todos sabedes, nun punto decisivo para o futuro das próximas xeracións, segundo o Informe do Panel Internacional sobre o Cambio Climático (IPCC), temos que reducir nun 45% as emisións de CO2 para o ano 2030, e aproximarnos a un escenario de 0 emisións para o ano 2050. Quedándonos 11 anos para limitar a subida de temperatura media global a 1’5ºC en comparación cos niveis pre-industriais para frear as consecuencias, que, de non conseguilo repercutirían ó clima, a biodiversidade e á sociedade no seu conxunto. En dito Informe descríbense parte das posibles consecuencias ás que xa nos vemos afrontando, como é a acidificación dos océanos, a desertización dramática da superficie terrestre, así como a subida do nivel do mar, os cambios estacionais e de choivas, a extinción masiva de especies (da que xa falamos como a 6ª extinción) e o desprazamento de comunidades enteiras (a chamada crise migratoria e explosión demográfica).

Falamos así, dun cambio necesario e visible en todos os ámbitos para frear e deixar de sumar a unha conta a deber que xa sei fai demasiado longa co medio ambiente, falamos de que non só temos que cambiar o presente senón, tamén de trocar e remendar os erros que xa se cometeron e que seguemos a repetir no sistema e na sociedade, conscientes do arraigados que están certos patróns. e costumes. Por isto que debemos agarrar a arma máis forte que temos, o coñecemento e a información. Estamos ante un cambio importante e urxente que podemos e debemos impulsar.

Por todo o mencionado anteriormente, por todas as iniciativas que está levando a cabo esta nosa Universidade; por todas estas razóns científicas que nos alarman da necesidade dun cambio real, e sendo un movemento estudantil (aínda que tamén apoiado por numerosas asociacións defensoras do medio ambiente que nos axudan e comezan a medrar); cremos de gran importancia que a UDC se suba ao movemento e visibilice a Emerxencia Climática e Ecolóxica á que nos afrontamos, para xuntar esforzos e garantir unha sociedade sostible declarando tamén o Estado de Emerxencia Climática.

Queremos contribuír con esta declaración a situar o debate climático nas Universidades, e facer presión para que tamén sexa un punto clave, ao igual que a educación, nas axendas da política galega, española, xunto cos compañeiros do resto de universidades, no panorama Europeo e Internacional.

Queremos coherencia en cada acto e paso que da a Universidade cara “á transformación das comunidades, da tecnoloxía e da gobernanza que haberán que impulsar na transición cara a sustentabilidade.” xa mencionada. Sen poñer en dúbida os procedementos e accións, pero sendo tamén conscientes de que só valen medidas reais, non só de escaparate, impulsando o traballo mao a mao con aquelas empresas e asociacións que loitan por marcar un camiño novo. Un camiño cara o respecto co planeta e con todas as especies que habitan nel, un novo camiño cara un futuro sostible. Con aquelas entidades que promovan a igualdade a todos os niveis e aposten polo cambio”.

Premios Sustentabilidade de TFG e TFM

Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, esta mañá entregáronse os premios Sustentabilidade da Universidade da Coruña para Traballos Fin de Grao e Fin de Mestrado organizados pola Oficina de Medio Ambiente. Nesta primeira convocatoria dos premios presentáronse preto de trinta traballos de 17 centros da UDC, dos que se premiou os seguintes:

Modalidade de traballos de Fin de Grao

I Premio

Pablo Marcos Pacheco por “Aprendizaxe e Servizo para protexer o Medio Ambiente: Plásticos e microplásticos”, do Grao en Química da Facultade de Ciencias.

II Premio

María Fandiño Sánchez por “Estudo de viabilidade técnico-económica para Sistema de trixeneración a partir de Biogás en explotación gandeira”, do Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática da Escola Universitaria Politécnica

Accésits

Eva Paola Bermúdez Porras por “Consumamos valores. Proxecto educativo sobre consumo responsable e cultura da sustentabilidade. Dende e para unha UDC libre e ecolóxica”, do Grao en Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación.

Daniel Alejandro Franco García por “Análise dunha construción con bambú e adobe. Proposta para a construción dunha escola en Quibdó (Choco, Colombia) do Grao en Arquitectura Técnica da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica.

Modalidade de traballos de fin de mestrado

I Premio

Lucía Uña Canteli por “Da vivenda tradicional á Passive House. Unidades residenciais en San Vicente de Elviña, do Mestrado en Arquitectura da Escola Técnica Superior de Arquitectura.

II Premio

Alba Martínez Muíño por “Synthesis and study of new materials with barocaloric properties” do Dobre Mestrado en Materiais Complexos: análises térmicos e reoloxía da Escola Politécnica Superior e CICA.

Accésits

Alberto Carril Vidal por “Estudo de contaminación aérea o porto da Coruña no 2017” do Mestrado en Enxeñaría Mariña da ETS de Náutica e Máquinas.

Óscar Blanco Novoa por “Sistema domótico de eficiencia enerxética no fogar con interfaz de realidade aumentada” do Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática, da Facultade de Informática.

Fonte: www.udc.es