Oficina CEER
 11-07-2019
AS UNIVERSIDADES DE SANTIAGO E VIGO, NO MAIOR PROXECTO EUROPEO CONTRA A VELUTINA

A preocupación pola velutina esténdese tamén á comunidade científica.
br> O Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal (CEER) coordina o proxecto Atlantic-POSitiVE (Conservation of Atlantic Pollination services and control of the invasive species vespa velutina), unha iniciativa que está considerada como o maior proxecto de investigación posto en marcha en Europa para frear a avespa asiática (Vespa velutina), cun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros e a implicación de dez institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido e a colaboración doutros vinte organismos, entre eles asociacións de apicultores de varios puntos de España, Portugal e Francia.
br> No desenvolvemento do proxecto colaboran as universidades de Santiago e de Vigo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario, o Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária, a Universidade de Trás-os-montes e Alto Douro, o Institut National de la Recherche Agronomique, a University College Cork e a University of Exeter. Por parte da USC participan os profesores Xulio Maside e Valerià Paül, este último en calidade de director da Fundación CEER, e desde a UVigo toma parte Sandra Rojas. Paül destaca que esta iniciativa é froito de “esforzos para coordinar as colaboración previas das universidades e artellar un consorcio internacional no que tamén se atopan stakeholders, actores sociais e administracións públicas”.
br> O pasado mércores, a UVigo acolleu a presentación do proxecto, coa presencia do reitor Manuel Reigosa e varios dos científicos implicados. A investigadora da Universidade de Vigo Sandra Rojas explicaba na presentación que o obxectivo do proxecto é “contribuír á preservación dos servizos de polinización a través do desenvolvemento de métodos conxuntos en toda a área atlántica ao tempo que se tratará de frear a expansión da velutina e, en especial, de minimizar os impactos desta especie invasora ten sobre os ecosistemas, sobre as actividades económicas e sobre a sociedade en xeral, xa que é un importante disruptor das actividades da contorna rural”.
br> A Universidade de Vigo implícase a través de dous grupos de investigación. Por unha banda, o Grupo de Bioloxía Ambiental, que se encargará, como explica Rojas, “de avaliar os impactos da avespa velutina sobre a polinización, mellorar os métodos de control e a detección de niños empregando sistemas de radiotelemetría e trampas con cebos específicos”. Por outra banda, o Grupo de Aerobioloxía e Apicultura centrarase “no estudo da dieta do avespón, o estudo do ciclo anual e a súa relación coas condicións meteorolóxicas e ambientais e comparará técnicas para o manexo das colmeas en zonas invadidas para axudar a reducir o impacto desta especie invasora sobre as abellas da mel e a apicultura”.
br> Pola súa parte, o equipo da USC abordará o impacto económico desta invasión, extrapolando un estudo previo feito na provincia da Coruña, que apunta que os apicultores invisten o 20% dos ingresos do mel en métodos de loita. Tamén estudarán as pautas e factores ambientais e biolóxicos que determinan a propagación da praga e a súa densidade, e colaborarán coa UVigo no deseño de métodos que permitan minimizar a poboación de velutinas cun mínimo impacto ecolóxico nas poboacións autóctonas, xa que os que se empregan actualmente, “como os insecticidas ou explosivos son perigosos para o ecosistema” , lembra Xulio Maside. O profesor da USC destaca que o sistema máis efectivo e respectuoso coa contorna “son as trampas eléctricas” que atrapan ás velutinas pero deixan pasar a especies de menor tamaño. Unha cuarta liña de traballo céntrase nos estudos biolóxicos que poden explicar o éxito desta invasión, poñendo a proba algunhas hipóteses previas, “como o feito de que as comunidades de parasitos que afectan ás especies invasoras poden ser moito máis reducidas que os parasitos que afectan ás especies autóctonas”.
br> Obxectivos do proxecto
br> Entre os obxectivos de Atlantic-POSitiVE, no eido tecnolóxico fixouse a realización dun radioseguimento da avespa velutina ata os seus niños, desenvolvemento dun software para rexistrar o movemento das especies e dunha web colaborativa para as xestións relacionadas coa velutina, así como unha plataforma de predición en liña para a avaliación dinámica do risco de invasión e ferramentas estatísticas e tecnolóxicas para monitorear os cambios na súa distribución. Do mesmo xeito, os expertos e expertas crearán un protocolo para a captura, rastrexo e vixilancia radioeléctrica de individuos de velutina, metodoloxías para a localización de niños e unha análise molecular de parasitos que poidan afectar a esta invasora e mecanismos para a súa distribución. Tamén se realizará un congreso científico internacional e unha campaña educativa e, tendo en conta a participación no proxecto de dous países que aínda non están afectados por esta invasión, tamén se traballará dende o eido da prevención, realizando un plan de acción contra a propagación en Reino Unido e Irlanda, así como sesións de formación para os apicultores irlandeses e británicos e o persoal da administración pública.
br> Fonte: https://www.gciencia.com