Este próximo domingo, día 27 de outubro, ás 18:00 horas na Igrexa de San Francisco de Compostela, a Orquestra Sinfónica da USC, baixo a dirección de Mario Diz, ofrecerá o concerto final do proxecto Música en Camiño, que se leva desenvolvendo ao longo deste mes de outubro.
O proxecto Música en Camiño, organizado pola Fundación CEER (Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal) e financiado pola Xunta de Galicia a través do plan “O teu Xacobeo”, levou a cabo un triple obxectivo:
1.- a didáctica no eido da composición, cunha másterclass da man do recoñecido compositor e músico portugués, o mestre Cándido Lima
2.- a composición de catro obras exclusivas para o proxecto, inspiradas no Camiño de Santiago, a cargo de xoves compositores galegos e portugueses das universidades de Porto e Minho e do Conservatorio Superior de Música de Vigo
3.- a preparación e interpretación desas obras por parte da Orquestra Sinfónica da USC nunha xira de concertos percorrendo o Camiño Portugués: Catedral de Tui, Basílica de Santa María de Pontevedra, Albergue de Peregrinos de Portas e, como fin de camiño, a Igrexa de San Francisco de Compostela.
No concerto, de entrada libre, a Orquestra da USC ofrecerá as catro obras compostas en exclusiva para o proxecto:
Abertura, de Ana Francisca da Silva
E vai xurdindo da noite a cibdá viva, de Nádia Carvalho
Sanctus Iacobus «Dum Pater Familias», de Ismael Amoedo
Zoom Point, de Daniel Moreira e arranxos de Nádia Carvalho e Tania Pinho
O programa complétase coa Sinfonía nº8 «Inacabada» de Schubert e a
Obertura Egmont de Beethoven.
Fonte: Área de Cultura
Foto: Miguel Estima Press
Adxúntase programa completo