Oficina CEER
 22-07-2008
A USC celebra en Vila Nova de Cerveira e Tomiño un curso de verán enmarcado no festival ‘Filminho’

Tominho, en Galicia, e Vila Nova de Cerveira, en Portugal, serán os espazos nos que a partir deste martes 22 e ata o próximo domingo 27 transcorrerá o curso de verán ‘Filminho: Reflexións sobre o audiovisual galego e portugués’ que dirixe o profesor Carlos Quiroga.

O curso tentará analizar as causas da escasa colaboración entre o audiovisual portugués e o galego nun contexto no que as similitudes lingüísticas e as equivalencias culturais e xeográficas son superiores a calquera outra cinematografía.

Trazarase deste xeito o camiño para proxectos conxuntos nun ambiente de complicidade favorecido por ‘Filminho, Festa do Cinema Galego e Portugués’ que se celebra simultaneamente ao curso e nos mesmos locais. Así, os matriculados terán libre acceso ao festival, no que se proxectarán máis de oitenta películas, catro cine-concertos e dous recitais. Ademais, os inscritos formarán parte do xurado do Forum de Creadores.

O curso comezará cunha presentación aos medios de comunicación ás 15:30 horas no Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Vila Nova de Cerveira. Logo dunha recepción institucional da Cámara Municipal da localidade portuguesa, os participantes trasladaranse ao Auditorio de Goián onde comezarán as sesións académicas cunha retrospectiva do Instituto de Cinematografía e Audiovisuais (ICA) e da Axencia Audiovisual Galega (AAG) I.