Oficina CEER
 05-11-2019
A USC ACOLLE A PRESENTACIÓN DO PROGRAMA DE MOBILIDADE IACOBUS

Esta mañá foi presentada a 6ª Convocatoria de Programa de Mobilidade Iacobus, ás 10:00h no CIMUS.

O luns 28 de outubro, abriuse a convocatoria do programa Iacobus-Estadías de investigación e do Iacobus Publicacións Científicas (Papers), impulsados pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal. O prazo estará aberto ata o próximo 29 de novembro no primeiro caso; e ata o 9 de decembro no segundo.

O Iacobus-Estadías de Investigación, que xa vai pola súa sétima edición, é un programa de gran éxito no mundo universitario da Eurorrexión. Suma máis de 1.400 candidatos nas edicións anteriores, entre os que foron seleccionados 798 proxectos de investigación en múltiples áreas de coñecemento.

Ten como obxectivo fomentar a cooperación entre os recursos humanos das institucións e ensino superior e centros tecnolóxicos da Eurorrexión, a través dun sistema de intercambio transfronteirizo de profesores, investigadores, persoal administrativo e de servizos, xestores de innovación e técnicos de I+D+i.

Pola súa banda, o Iacobus-Publicacións científicas (Papers) vólvese convocar este ano, na que é a súa segunda edición. A finalidade deste programa é fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica a través de axudas económicas para a publicación de artigos científicos e de investigación en revistas de prestixio.

Estiveron presentes no acto desta mañá, Victor Arce, Vicerreitor de Vicerreitor de Estudantes e Internacionalización da USC; Valerià Paül, director da Fundación CEER; Xosé Lago, director da GNP AECT; contando tamén coa participación de María del Carmen Sánchez Carreira, PDI da USC, quen presentou a súa experiencia como bolseira Iacobus nunha convocatoria anterior.

Sesións de presentación
A Fundación CEER, xunto coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión está realizando actualmente sesións de presentación e resolución de dúbidas sobre estes programas nas Universidades da Eurorrexión. Xa se desprazaron ate a Universidade de Vigo, A Coruña, Minho, Porto, hoxe na USC e o 13 de novembro realizarase a presentación na Universidade de de Trás-os Montes e Alto Douro.