Oficina CEER
 28-07-2008
Un Comité velará pola ética da investigación na universidade da Coruña

Aínda que os Estatutos da Universidade da Coruña non esixen a creación dun comité de ética, a entidade académica coruñesa conta cun departamento que actuará como órgano asesor da Vicerreitoría de Investigación e que ten o seu precedente nunha antiga comisión de ética e ensaios clínicos. O Comité de Ética (CE) da UDC créase debido ao aumento da complexidade do labor investigador e a crecente importancia da dimensión ética da investigación que evidencian a necesidade de garantir o respecto dos principios éticos e da normativa xurídica aplicable.
O Consello de Goberno da Universidade aprobou esta mesma mañá o regulamento que rexerá as funcións e composición deste Comité de Ética que estará composto por un mínimo de cinco e un máximo de oito membros que terán que ser expertos procedentes do ámbito das ciencias Biosanitarias, o Dereito ou a Ética. Os integrantes do Comité de Ética terán un mandato de catro anos de duración e serán reelixibles unha soa vez. O CE desempeñará as súas funcións respecto de todos os grupos, centros de investigación ou centros propios da Universidade da Coruña ou nos que esta participe, así como dos adscritos e as actividades dos investigadores vinculados a todos os centros.
O regulamento especifica as funcións que desempeñará o CE, sendo a primeira delas a emisión de informes sobre proxectos ou traballos de investigación que impliquen estudos en seres humanos, utilización dos seus datos persoais ou de mostras biolóxicas de orixe humano, experimentación animal ou emprego de axentes biolóxicos ou organismos modificados xeneticamente. Así mesmo, o CE velará polo cumprimento das boas prácticas de investigación en relación aos dereitos fundamentais das persoas, ao benestar dos animais e aos intereses vinculados coa defensa e a protección do medio ambiente.
A sesión do Consello de Goberno de hoxe deu o visto bo a outros puntos de xestión da Universidade, como a liquidación do orzamento do ano pasado, a convocatoria de novas prazas de profesorado ou a modificación do programa docentia.