logo UNISF
Oficina CEER
 07-02-2020
A “UNIVERSIDADE SEM FRONTEIRAS” DA EURORREXIÓN GALIZA-NORTE DE PORTUGAL REÚNE ÓS SERVIZOS ACADÉMICOS DAS 6 UNIVERSIDADES INTEGRANTES DO PROXECTO

Nó día 4 de febreiro realizouse, no edificio Miralles do Campus da Universidade de Vigo, unha reunión con representantes dos servizos académicos das tres universidades galegas e as tres do Norte de Portugal e da equipa técnica da Fundación CEER, para detectar os obstáculos e dificultades xurídicos e administrativos que será necesario salvar para a creación de titulacións conxuntas transfronteirizas, núcleo do proxecto “Universidade sem Fronteiras”, proxecto cofinanciado polo programa Interreg VA España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Co obxectivo inmediato da creación de 4 títulos piloto de segundo e terceiro grado cunha compoñente de transversalidade, innovación, e multidisciplinaridade no que a formación terá unha marcada compoñente transfronteiriza, o que se pretende é crear a longo prazo un polo de atracción na oferta formativa da Eurorrexión, como un único espazo aberto para estudantes e docentes.

Para a consecución deste fin, as seis universidades parceiras do proxecto UNISF (Universidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Minho, Porto e Tràs-os-Montes e Alto Douro) comezaron a traballar na creación de moldes xurídicos que permitan a realización de titulacións conxuntas e solventen as dificultades de xestión académica que a creación destes títulos pode supoñer, sentando as bases dunha normativa sólida que facilite no futuro a creación deste tipo de titulacións baseadas na parcería das seis universidades eurorrexionais.

Coa Universidade de Vigo como institución anfitrioa desta reunión, a Vicerreitora de de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da mesma, María Isabel Doval Ruíz, Baixo a coordinación dunha equipa da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (á frente da cal se atopan o profesor de Dereito Internacional Carlos Teijo e a profesora de Dereito Administrativo Alba Nogueira) e coa participación de todos os responsables dos Servizos Académicos das seis universidades socias de UNISF, puxéronse en común as normativas referentes á estrutura de estudos de máster e doutoramento, ós servizos universitarios para os alumnos, a acreditación, calendarios e as diferentes modalidades de docencia que será necesario harmonizar para obter titulacións que sexan válidas para todas as institucións participantes.

O proxecto UNISF foi aprobado na última convocatoria do Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza, POCTEP, cun orzamento total de 1.492.212,45 euros, cofinanciado polo FEDER ao 75%.