Oficina CEER
 05-03-2020
A USC CREA O COMITÉ DE SEGUIMENTO ESPECÍFICO PARA O CASO DO COVID-19

O obxectivo primeiro da USC é o de garantir a seguridade do alumnado e persoal que se atopa realizando unha estadía en mobilidade.

A USC está pendente, en todo momento, da evolución das alertas sanitarias relacionadas co COVID-19 (coronavirus) e, a través da Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización e do Servizo de Vixilancia da Saúde, en comunicación constante co alumnado e traballadores da institución.

Seguindo as recomendacións das autoridades con responsabilidade en materia sanitaria queremos, dende a USC, facer un chamamento a evitar a alarma innecesaria e a confiar nas medidas e accións emprendidas polos diferentes países para controlar a epidemia e minimizar os seus efectos. O obxectivo primeiro da USC é o de garantir a seguridade do alumnado e persoal que se atopa realizando unha estadía en mobilidade polo que solicitamos a todas as persoas que se atopen nesta situación consultar e seguir os protocolos da OMS e das autoridades nacionais e locais.

A comunicación permanente co SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación dependente do Ministerio de Universidades), co Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, Xunta de Galicia e outros organismos e administracións con responsabilidades en materia sanitaria internacionais permítennos coordinar as actuacións co resto de universidades galegas e españolas en relación á situación actual.

No caso dos países nos que se teñen detectado casos de contaxio por COVID-19, a Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización está a manter contacto coas universidades coas que existe algún tipo de convenio de intercambio de alumnado, persoal de administración e servizos e persoal docente investigador para ter información actualizada das recomendacións que se poidan establecer por parte das autoridades sanitarias nacionais e locais así como as particulares que se asuman nas diferentes universidades.

No Servizo de Relacións Exteriores (international@usc.gal) e no Servizo de Vixilancia da Saúde (vixilancia.saude@usc.gal) poderán prestar o apoio necesario ás persoas da comunidade da USC que o precisen a respecto desta situación.

Documentos de referencia para a información e prevención a respecto do COVID-19:

Servizo Galego de Saúde (Sergas): https://www.sergas.gal/Saude-publica/Novo-coronavirus-2019-nCoV
Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social: https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov-China/home.htm
Centro Europeo para a prevención e o control de enfermidades (ECDC): https://www.ecdc.europa.eu/en/coronavirus
Organización Mundial da Saúde (OMS): https://www.who.int/es/emergencies/diseases/novel-coronavirus-2019