Oficina CEER
 01-10-2020
ANTONIO LÓPEZ: “CON MÁSCARAS PERO CON VOZ, SOMOS QUEN DE SAÍR ADIANTE”

O reitor presidiu este venres no Colexio de Fonseca o acto de apertura do curso 2020/2021 na USC no que reivindicou o carácter presencial da docencia que se imparte na Universidade xa que este “é un elemento esencial do proceso formativo”.

“Con distanciamento pero xuntos, con máscaras pero con voz, con absoluta colaboración e con autonomía responsable somos quen de saír adiante”, así comezou o reitor Antonio López o seu discurso no acto de apertura do curso 2020/2021 na USC que se desenvolveu este venres no Colexio de Fonseca. O reitor destacou nas súas verbas que neste “curso especial, sen precedentes”, “non queremos renunciar á presencialidade, e loitaremos por facer os nosos campus atractivos, e mantelos cheos de mozas e mozos”. Neste contexto, resulta indispensable o exercicio da responsabilidade individual para o coidado do colectivo e poder desenvolver a actividade académica coa maior normalidade posible.

Antonio López salientou que a convivencia das persoas “é un elemento esencial do proceso formativo” xa que este non se limita a contidos, senón que incorpora tamén “valores, competencias e habilidades sociais que se aprenden e cultivan presencialmente”. Alén disto, o reitor puxo o foco no feito de que a presencialidade “introduce un factor de igualdade de oportunidades” que non debe perderse de vista. Neste senso, lembrou que “a USC reaccionou diante da pandemia buscando solucións para a actividade docente mediante o emprego de ferramentas dixitais” que permitiron por outros medios, unha alternativa á imposible, naquel momento, presencialidade.

“Esperanza para unha sociedade atribulada”

O rol da USC como motor xerador de coñecemento foi outro dos piares do discurso do reitor, quen aproveitou o acto de apertura para enumerar as accións desenvolvidas á hora de loitar contra a pandemia por mor da COVID-19. Neste senso, Antonio López lembrou que no marco desta crise sanitaria, a Universidade “lonxe de esconderse nunha torre de marfil, acaba sendo motivo de esperanza para unha sociedade atribulada”.

“Entendemos que a Universidade tiña que poñer todos os seus recursos e capacidade ao servizo da sociedade nun momento tan crítico como este”, sinalou para, a continuación, facer fincapé en que dende a USC puxéronse a disposición das autoridades sanitarias equipos de protección, tan escasos nos primeiros momentos da crise, fabricáronse 9.000 litros de xel sanitizante para atender as necesidades máis inmediatas do persoal sanitario cando no mercado non había dispoñibilidade do mesmo e ofrecéronse as instalacións e equipamentos que o sistema sanitario precisase. Nesta liña, o reitor lembrou tamén os tres proxectos de vacinas financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través do Fondo COVID-19 xestionado polo Instituto de Salud Carlos III, que se están a desenvolver nos centro singulares da USC.

A elaboración de modelos matemáticos evolutivos da pandemia que tan útiles se revelaron na toma de decisións, a análise da evolución xeográfica da COVID-19, o estudo da presenza do virus en augas residuais; ferramentas de intelixencia artificial ou realidade aumentada para seguimento e control de aforos, e mesmo dos contactos de risco; ou a análise xenética como ferramenta esencial para prever o comportamento do virus e orientar a loita contra a pandemia, son algunhas das investigacións que se están a desenvolver na USC neste eido.

Éxito de matriculación

O reitor deu tamén a coñecer que na matriculación de alumnos que acceden por primeira vez á Universidade, produciuse, de cara a este curso que agora se inicia, un incremento do 6,6 %, dato que no campus de Lugo chega ao 36,4 %, pasando de 595 a 812 alumnos de inicio de estudos. Confírmase así o éxito da redifinición da oferta académica, coa implantación dos graos de Bioquímica, e Empresa e Tecnoloxía, que se suman ao grao de Robótica, e que cobren todas as súas prazas, xerando mesmo listas de agarda.

Memoria do curso 2019/2020

A “notable acollida” do grao en Robótica foi tamén destacada pola secretaria xeral da Universidade, Dulce García Mella, ao comezar a lectura da memoria correspondente ao pasado curso. Máis de 20.500 alumnos e alumnas de grao, 2.000 de mestrado e 3.000 de doutoramento ­—sendo o 62% do total, mulleres­— formaron parte da USC o pasado ano académico, destacou. A secretaria xeral dedicou un apartado da súa intervención a repasar as medidas adoptadas dende a Universidade para facer fronte á pandemia por mor da COVID-19.

García Mella lembrou que alén de modificar as guías docentes e adecuar os procesos de avaliación, a USC impulsou liñas de axuda para mellorar a conectividade do alumnado, así como o préstamo de material para levala a cabo. A campaña de micromecenado ‘Sumo Valor’, cun apartado específico para a captación de doazóns para loitar contra a pandemia, foi outro dos apartados a destacar do pasado curso.

Lección maxistral

O catedrático de Matemática Aplicada e ex reitor Juan Viaño pronunciou a lección maxistral deste curso 2020-2021 por corresponderlle á Facultade de Matemáticas na quenda rotatoria. O docente fixo un percorrido pola evolución experimentada pola súa disciplina nos últimos anos dende a eclosión das matemáticas españolas nos anos setenta ata a súa situación actual e influencia internacional, así como perspectivas de futuro, tanto no plano da investigación como no docente. Viaño prestou especial atención aos seus tres campos de traballo, arredor da triloxía conformada pola modelización matemática, a simulación numérica e o control de procesos en aplicacións reais.

Máis alá da alusión á transcendencia das matemáticas, Juan Viaño apelou ás universidades públicas como institucións “imprescindibles na tarefa de transformar o noso modelo produtivo cara a unha economía menos dependente e máis sostible que debe cimentarse na xeración e transferencia de coñecemento”. Na súa opinión “necesitamos unha universidade motivada como servizo público que facilite, independentemente do status económico dos estudantes, o acceso ao coñecemento no que debemos basear o noso desenvolvemento como persoas e como país”.

Fonte: xornal.usc.es