Oficina CEER
 23-11-2020
ACTOS NA UNIVERSIDADE DA CORUÑA ARREDOR DO DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

A Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña convida a toda a comunidade universitaria a participar tanto nas actividades institucionais como nas dependentes das escolas e facultades arredor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC organiza o 25 de novembro, ás 12:00 horas, o acto central institucional que será retransmitido en directo por Teams. A vicerreitora, Cristina López Villar, abrirá o acto que comezará coa lectura do manifesto sobre a eliminación da violencia contra as mulleres da Red de Unidades de Igualdad de Género para la Excelencia Universitaria (RUIGEU). A continuación, presentaranse os obradoiros de muralismo arredor do 25N e entregaranse os premios Angeles Alvariño ao alumnado:

Sara Fernández Muñoz polo traballo de fin de grao “Tinder, amor e viceversa. Análise da representación do amor romántico e a súa influencia en Tinder”.

Carlota Rial Villar polo traballo de fin de grao “A perspectiva feminista nas guías docentes dos graos en Educación Infantil nas universidades da Coruña (UDC) e de Santiago de Compostela (USC)”.

Adrián Vázquez Porta polo traballo de fin de máster “O que (non) nos ensinan os libros de texto. Análise do código icónico e lingüístico dos libros de texto de 2º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria”.

Rocío Ferreira Marante polo traballo de fin de máster “Mapas corporais narrados: unha ferramenta para a análise de xénero no proceso de transición ocupacional na infancia”.

Os actos rematarán coa proxección do vídeo “Protocolo contra o Acoso da UDC”.

Ademais, a Oficina promove a instalación de puntos de información violeta “Sen violencias machistas” na Facultade de Ciencias da Educación, mañá martes, 24 de novembro, de 16:00 a 18:00 horas; na Facultade de Dereito, o mércores, 25, de 11:30 a 13:30h.; e na Facultade de Ciencias o xoves, 26, de 11:30 a 13:30h.

Finalmente, o 10 de decembro, de 11:00 a 12:00 horas, a Fundación Mujeres realizará o obradoiro en liña “Stand up contra o acoso na rúa”, previa inscrición.

A Facultade de Ciencias da Educación organiza, do 24 de novembro ao 9 de decembro, unha exposición de carteis provocativos realizados polo alumnado, polo profesorado e polo persoal de servizos, onde se amosan as violencias machistas expresadas na menstruación, como o silenciamento, o estigma, o asco, a discriminación económica, a neglixencia institucional no control dos compoñentes nos produtos menstruais dun só uso, a ausencia de educación menstrual no ensino obrigatorio etc.

https://rompendoregras.wordpress.com/

https://www.instagram.com/ollarmosvioleta

Neste centro o 2 de decembro, de 10:30 a 12:00 horas no salón de graos, haberá o evento “Pingas ‘coloradas’, obradoiro de educación menstrual”. Nesta charla, dirixida pola educadora social Noelia García (AtalaiA Social) tratarase do gran tabú que aínda persiste na sociedade sobre a menstruación.

A Escola Universitaria de Deseño Industrial, no Campus de Ferrol, organiza a performance 25N para a eliminación da violencia contra as mulleres, onde participarán alumnado, docentes e PAS, o 25 de novembro ás 11:00 h, diante da EUDI.

Na Facultade de Socioloxía presentaranse os Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Máster deste centro galardoados na VII e VIII edición do concurso de traballos académicos con perspectiva de xénero “Ángeles Alvariño”, o día 27 de novembro, ás 10:00 horas a través de Teams.

Fonte: www.udc.gal