Oficina CEER
 22-01-2021
PRIMEIRA REUNIÓN PARA DESENVOLVER UN CAMPUS EURORREXIONAL MÁIS INCLUSIVO.

O proxecto B-solutions liderado pola Fundación CEER, pretende por en marcha ferramentas que fomenten a mobilidade de grupos vulnerables dentro da Eurorrexión Galiza-Norte de portugal.

Este xoves 21 de xaneiro de 2021, celebrouse (en formato virtual debido ás restricións derivadas da situación actual) a primeira reunión do proxecto ELIMINATION OF BARRIERS AND 360o EVALUATION OF THE MOBILITY OF STUDENTS FROM VULNERABLE GROUPS IN THE HIGHER EDUCATION ECOSYSTEM OF THE GNP EUROREGION. Un proxecto enmarcado na iniciativa da Comisión Europea, B-Solutions, que provee o asesoramento de expertos para acadar solucións efectivas a problemáticas persistentes nas zonas transfronteirizas da UE.

A FCEER, lidera este proxecto que ten como obxectivo principal facilitar a mobilidade de estudantes entre as institucións de educación superior da Eurorrexión cando pertencen a grupos e colectivos vulnerables. Un dos obxectivos e mellorar a xestión e a efectiva realización destas mobilidades sexa o máis sinxela posible e se facilite unha coordinación dos protocolos e medidas de todas as institucións. Coa participación de representantes da Universidade de Vigo, Universidade de A Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e o Politécnico de Porto, nesta primeira reunión realizouse un achegamento ás medidas, protocolos e servizos presentes nas diversas institucións involucradas para coñecer mellor o escenario actual, que servirá de base para a elaboración das ferramentas de harmonización desexadas.

A principal conclusión desta primeira reunión é a da identificación dos traballos necesarios máis inmediatos para o desenvolvemento deste proxecto, que como estableceu a experta adxudicada para este proxecto, Teresa Ventín: isto pasará por identificar e concretar todas aquelas situacións que deben incluírse no futuro instrumento que resulte da cooperación entre estas institucións para solventar os obstáculos administrativos e burocráticos que o cambio de institución pode suscitar nas mobilidades de colectivos vulnerables. Tamén para a categorización e posibles solucións a problemáticas xa experimentadas no pasado polas institucións parceiras neste proxecto. Desta maneira poderá deseñarse o mapa polo que debe transitar a futura ferramenta que permita unha maior axilidade e eficiencia na xestión desta mobilidade transfronteiriza.

Máis información en: https://www.ipp.pt/news/p-porto-in-a-european-mobility-project