Oficina CEER
 02-09-2008
Innovación e Industria fomenta a transferencia de coñecemento coa posta en marcha de Unidades de Investigación Intensiva

A Consellería de Innovación e Industria colaborará coas tres universidades galegas na posta en marcha de Unidades de Investigación Intensiva, un proxecto que ten como finalidade a aproximación ao tecido produtivo do sistema público de I+D+i. O conselleiro Fernando Blanco asinou esta mañá un convenio de colaboración co vicerreitor de Planificación, José Cidrás, que acudiu en representación do reitor da Universidade de Vigo, e cos reitores das universidades de Santiago e Coruña, Senén Barro, José María Barja. No marco deste acordo, a consellería destinará 710.000 euros no período 2008-2010 para a creación destas Unidades de Investigación Intensiva que se converterán nunha ferramenta para promocionar e valorizar os resultados de investigación dos seus grupos.

Este proxecto enmárcase nos obxectivos e finalidades do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (Incite), que conta cun Programa Resultado-Valor que ten como obxectivo desenvolver accións que contribúan a transferir e outorgar valor ao coñecemento xerado no sistema público. Fernando Blanco explicou que conseguir que os resultados da investigación científica dos grupos de investigación públicos sexan postos en valor e comercializados “debe ser a regra e non a excepción” en Galiza. O conselleiro avogou por que as ideas que xurdan na investigación pública se transformen en valor económico e en oportunidades de negocio, xa sexa en empresas existentes na industria galega ou en novas empresas creadas como spin-offs.

Un pulo á transferencia de coñecemento

O desenvolvemento do proxecto de Unidades de Investigación Intensiva trata de organizar e orientar a I+D+i cara aos potenciais mercados receptores do coñecemento xerado nos grupos. Do mesmo xeito, fomenta a obtención de retornos a través da posta en valor e comercialización dos resultados, sendo a creación de empresas de base tecnolóxica unha opción moi viable. Dende a consellería e as universidades preténdese así que os grupos, cando emprendan unha liña de investigación, non o fagan soamente en termos científicos, senón que tamén avalíen as posibilidades de valorización e de transferencia dos resultados de investigación.

Para acadar estes resultados, entre os obxectivos das Unidades de Investigación Intensiva está a organización dos grupos de investigación e a análise das posibilidades de comercialización dos seus resultados, a creación dunha carteira destinada á posta en valor e comercialización dos resultados de investigación dos centros públicos de investigación en Galicia, a busca de inversores para a comercialización de tecnoloxías desenvolvidas polos grupos, o desenvolvemento de novas liñas de investigación e a detección de tecnoloxías susceptibles de ser a base dunha empresa de base tecnolóxica.

Seis grupos de investigación

O proxecto desenvolverase nun mínimo de seis grupos de investigación pertencentes ás tres universidades galegas e ao CSIC, sendo polo menos un de cada unha das institucións que asinaron o convenio. Nunha fase de selección avaliaranse a produtividade científica dos grupos candidatos, o seu potencial comercial e o sistema de financiamento, e analizaranse as estruturas legais existentes para garantir unha política de protección dos resultados axeitada.

Plans de Investigación e de Comercialización

O proxecto contempla a formulación de dous plans para cada grupo. En primeiro lugar elaborarase un plan estratéxico de I+D que defina a política de investigación concretándoa en varias liñas de traballo coa súa carteira de proxectos correspondente. O desenvolvemento deste plan implica a realización dun estudo exhaustivo de cada unha das liñas de investigación actuais e futuras.

O segundo plan é o de Comercialización de Resultados que orientará cara ao mercado os resultados de investigación, seleccionando a fórmula de comercialización máis idónea (licenza de patentes, potenciación de servizos ou creación de empresas de base tecnolóxica) e deseñando as estruturas xurídicas necesarias para articular a relación entre o grupo de investigación e os inversores.