Oficina CEER
 04-09-2008
Difundir experiencias de investigación en mellora educativa apoiadas nas TIC, obxectivo principal do Congreso Edutec

Comezaron as sesións presenciais do Congreso Edutec co obxectivo de promover o encontro entre culturas e difundir experiencias de investigación en mellora educativa apoiadas nas TIC, segundo afirmou a coordinadora do evento Beatriz Cebreiro no transcurso da inauguración oficial celebrada este mércores no Colexio de Fonseca.

Ao acto tamén asistiron conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; o reitor da USC, Senén Barro; o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato; o director xerente do CESGA, Javier García Tobío; o presidente da Asociación para o Desenvolvemento da Tecnoloxía Educativa e Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación (EDUTEC), Francisco Martínez Sánchez; e a profesora de USC, Carmen Morante.

Na apertura, Senén Barro destacou a importancia das TIC nas universidades e lembrou que a USC busca ser, ademais de histórica, moderna e emprendedora asimilando o emprego das novas tecnoloxías no ensino superior. “Non só consiste en integrar as TIC, consiste en empregalas ben”.

O reitor advertiu que a docencia universitaria debe pasar do modelo discursivo lineal ao hipertextual, do docente ao alumno e de tantas clases maxistrais a traballos máis colectivos. Neste proceso de cambio, “a rede xoga un papel fundamental facilitando información” e incrementando a interacción entre as persoas, “aspecto que aínda debe mellorar”.

Na mesma liña, Laura Sánchez Piñón afirmou que a relevancia das novas tecnoloxías “é incuestionable”. Estas proporcionaron o incremento nun 50 por cento da produtividade na Unión Europea pero, sobre todo, transformaron o contorno. A educación “debe trasladar todos estes cambios á poboación” achegando as novas regras dun mundo comunicado globalmente, fomentando a multiculturalidade e garantindo a igualdade nunha sociedade na que a diferenza márcaa o uso que o individuo faga da tecnoloxía.

Salustiano Mato falou do tele ensino como a vía para unha educación máis xusta que incrementará a calidade de vida das persoas cun mellor acceso ao coñecemento. Sobre as características de Edutec falaron Francisco Martínez e Beatriz Cebreiro quen resaltou a participación de máis de 300 expertos procedentes de 16 países europeos e latinoamericanos.

O congreso comezou o pasado luns, día 1, en Internet cun espazo virtual no que as persoas inscritas participan en foros de debate. A través das sesións en liña facilítase o intercambio de ideas na distancia ao mesmo tempo que se retransmiten as conferencias presenciais, programadas ata o venres 5.

Xoves 4.

A xornada do xoves abre ás 9:30 horas cunha mesa redonda no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía. Centrarase nos exemplos de boas prácticas sobre e-learning en hospitais. Deseguido, ás 11:00 horas, haberá talleres sobre deseño de contidos didácticos ou acerca doutro tipo de presentacións que non sexan en Power Point. Ás 12:30, a experta do Centro de Innovación Social de Viena, Bárbara Kieslinger, falará sobre o uso do software no contexto educativo e o desenvolvemento de contornos de aprendizaxe personalizados.

Na sesión vespertina, Edutec contará con varias mesas de comunicacións a partir das 16:00 horas, unha mesa redonda sobre e-learning ás 17:30 horas e a conferencia ás 18:30 horas do profesor da Universidade Estatal de Utah, David Wiley, titulada ‘Pasado, presente e futuro dos obxectos de aprendizaxe’.

Xa o venres 5, Edutec acollerá a presentación da Rede Iberoamericana de Museos Pedagóxicos Interactivos e do libro As TIC para a igualdade. Tratarase o e-learning en Europa ou as novas tecnoloxías para crear pontes entre culturas. O acto de clausura será, ás 17:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía.

O congreso Edutec ‘As TIC, ponte entre culturas: Iberoamérica e Europa’ organizouno a Universidade de Santiago en colaboración co CESGA, a asociación EDUTEC e a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.