Oficina CEER
 18-11-2021
PROGRAMA IACOBUS ABRE NOVAS CONVOCATORIAS PARA CANDIDATURAS A ESTANCIAS DE INVESTIGACIÓN E PUBLICACIÓNS CIENTÍFICAS (PAPERS) DE 200.000 EUROS NA EURORREXIÓN GALICIA - NORTE DE PORTUGAL

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal (GNP, AECT) abre novas convocatorias do programa IACOBUS: a 9ª convocatoria do IACOBUS - Estancias de Investigación e a 4ª do IACOBUS - Publicacións Científicas (Papers), sendo o período de candidaturas do 22 de novembro de 2021 ao 17 de xaneiro de 2022. O programa ten unha dotación financeira total de 200.000€.

Vigo, 16 de novembro de 2021.

O Programa IACOBUS – https://iacobus.gnpaect.eu/ - é un programa de cooperación científica, cultural e pedagóxica que ten como principais obxectivos promover e fomentar sinerxías e o desenvolvemento conxunto de actividades de investigación, formativas e de divulgación entre Universidades, Institutos Politécnicos e Centros Tecnolóxicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O IACOBUS é un programa con gran éxito no universo académico da Eurorrexión GNP, como demostran os números globais das anteriores edicións realizadas -máis de 1200 candidaturas seleccionadas, que abranguen proxectos de investigación de todas as áreas de coñecemento, cun financiamento total superior a 1.400.000 €-. Un programa en constante innovación no transcurso das distintas edicións, e que na actualidade xa dispón de tres modalidades: Estancias de Investigación; Artigos de Investigación (Papers) e Patentes.

O IACOBUS Estancias de Investigación promove e financia estancias transfronteirizas para o desenvolvemento de proxectos de investigación nunha das entidades que participan no programa, e que neste momento xa son 39 (7 Universidades; 4 Institutos Politécnicos, 22 Centros Tecnolóxicos e 6 Fundacións/Institutos de Investigación de Saúde). Poden presentar candidaturas ao programa docentes (PDI); investigadores pre e post doutorais; e persoal de administración e servizos (PAS) por parte das institucións de ensino superior. No caso dos Centros Tecnolóxicos, investigadores ou xestores de proxectos de I+D+i con polo menos 5 anos de experiencia nesas tarefas (Xestor de Innovación) e persoal con funcións de investigación ou xestión de proxectos I+D+i que non atinxan os 5 anos de experiencia (Técnico de I+D+i). Para poder participar, os candidatos teñen que ter contrato laboral/vínculo de investigación en vigor -tamén durante o período de realización do intercambio- con algunha das entidades participantes, así como estar en condicións de poder traballar do outro lado da fronteira.

O IACOBUS - Publicacións Científicas (Papers) está destinado a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e de divulgación, a través de axudas económicas á publicación de artigos científicos e de investigación nalgunha das revistas indexadas no vixente Journal Citation Report (JCR) e no SCOPUS para as áreas de humanidades. Estes artigos teñen que ser desenvolvidos a través da colaboración transfronteiriza conxunta, por autores pertencentes ás institucións de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (Universidades e Institutos Politécnicos) que forman parte do programa.

Relativamente ao IACOBUS Patentes, este pretende promover a creación de novos produtos e servizos, mediante a concesión de axudas para o fomento das solicitudes de patentes promovidas a partir da Eurorrexión GNP. Está prevista a apertura dunha nova convocatoria no primeiro trimestre de 2022, destinada a persoal vinculado ás Universidades ou Institutos Politécnicos participantes.

O IACOBUS é programa que está fundamentado nas prioridades definidas no Plan de Investimentos Conxuntos Galicia - Norte de Portugal (PIC 21-27) e nas áreas estratéxicas establecidas pola Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia - Norte de Portugal (RIS3-T). Destacar tamén que o programa conta con apoio e financiamento da Unión Europea a través do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

A entidade xestora e responsable do IACOBUS é a AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Lembramos que o período de candidaturas é do 22 de novembro de 2021 ata o 17 de xaneiro de 2022, que todos os documentos das novas convocatorias xa están dispoñibles na Web do programa e que as candidaturas son presentadas directamente na mesma plataforma (iacobus.gnpaect.eu). Para mais información contactar directamente coa AECT da Eurorrexión GNP a través dos e-mails: gnpaect@gnpaect.eu e iacobus@gnpaect.eu .

CONTACTOS DE PRENSA: AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal