Oficina CEER
 07-04-2022
XX ENCONTRO UNIVERSITARIO DE DANZA

5 e 6 de abril ás 20.30 horas

Teatro Principal

Santiago de Compostela

Entrada libre previa retirada de convite no despacho de billetes a partir das 18 horas

A XX edición do Encontro Universitario de Danza (EUD) presentará os días 5 e 6 de abril no Teatro Principal producións das dúas compañías nacidas ao abeiro do Espazo de Danza da USC (DanzaUSCompostela e DanzaUSC-Lugo) e dirixidas por Juan Carlos Zahera, canda os traballos da Compañía D-ou-tras, da Universidade de Vigo e a Cía. de Danza-Tango.

Organizado pola USC dende hai dúas decadas, o EUD é unha das actividades máis destacables e visibles do Espazo de Danza da USC. Estes foros artísticos, promovidos para favorecer o intercambio cultural a través da danza e achegar esta disciplina artística ao resto da sociedade, posibilitaron que compañías universitarias procedentes de Francia, Portugal, Lituania, Reino Unido, Italia, México, Porto Rico e Colombia, entre outros países, presentaran as súas respectivas creacións artísticas nos distintos campus.

A entrada é libre previa retirada de convite no despacho de billetes a partir das 18 horas.
Programa

A Compañía da USC-Lugo abrirá o programa de representacións do XX EUD o martes, día 5 de abril, a partir das 20.30 horas no Teatro Principal, coa obra Alumea, coreografiada por Rosa Acuña.

A seguir, a Compañía D-ou-Tras da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, presentará a obra Maloserá coreografiada por Nuria Sotelo.

Espertares é o titulo do traballo da Compañía danza USCompostela que, con coreografía de Xiana Vilas e na colaboración coas Pandereteiras USC completa o programa da primeira xornada.

O mércores, 6 de abril, a Compañía de Danza-Tango liderada por Ezequiel Merlo e Chusa Pérez de Vallejo abrirá a programación da segunda xornada do encontro. O peche da súa representación deixará lugar para un novo pase das pezas Alumea e Espertares.

Fonte: xornal.usc.es