Oficina CEER
 08-09-2008
O persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo apúntase ás experiencias de mobilidade

Ao igual que os alumnos, o persoal de administración e servizos participa cada vez máis en programas de intercambio. Grazas á iniciativa Stella de Mobilidade, os traballadores teñen a oportunidade de visitar outras universidades co obxectivo de ampliar coñecementos e ver os métodos de traballo de outras institucións. Deste xeito, cada ano Vigo ten a posibilidade de recibir a dúas persoas procedentes dalgún dos membros do Grupo Compostela de Universidades e de enviar a dous traballadores ao estranxeiro. As estadía son de unha semana de duración entre os meses de marzo e outubro e están coordinados pola Oficina de Relacións Internacionais. Andrea Rock, participante da cuarta edición do programa Stella de Mobilidade do Persoal de Administración e Servizos, rematou este venres a súa estancia na Universidade cunha valoración moi positiva desta iniciativa. Procedente da Universidade de Westminster, Rock permaneceu unha semana no Servizo de Alumnado para intercambiar experiencias e coñecer o funcionamento do departamento, fundamentalmente en materia de bolsas, área na que desempeña o seu labor profesional na institución inglesa. “Foi unha experiencia moi boa, non soamente porque tiven a ocasión de coñecer os métodos de traballo que aquí se empregan, senón polos compañeiros do departamento”. A piques de rematar a súa estadía, destacou que a principal diferenza entre o método inglés e o galego é que “en Londres non damos directamente os cartos aos bolseiros, desde o departamento sinxelamente podemos facilitarlles a información de como conseguilas”. Pola súa banda, dous traballadores da institución viguesa participaron nesta mesma edición do programa Stella, visitando as universidades de O Porto e de Perú. Tal e como explicou o responsable do Servizo de Alumnado, José Santiago Santos, “é unha experiencia moi positiva a nivel profesional polo intercambio de coñecementos, pero tamén a nivel persoal, xa que coñecer outras universidades e outros países sempre é bo”.