Oficina CEER
 15-09-2008
Fenosa, Xunta e Universidades Galegas fundan o Centro Tecnolóxico Energylab

O Centro Internacional de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética, Energylab, centrará os seus esforzos iniciais na xeración de coñecemento e desenvolvemento de tecnoloxías para as empresas galegas, de xeito que poidan implantalas nos seus procesos produtivos e incluso exportalas . A medida foi anunciada este venres trala sinatura da carta fundacional por parte de todos os membros que forman o padroado, no que se inclúen as tres universidades galegas, a Consellería de Innovación e Industria e diferentes empresas. “Vai ser un centro destinado a estender o coñecemento sobre tecnoloxías e usos da enerxía para mellorar a súa eficiencia enerxética”, explicou a directora xeral de Energylab, Elena González. Así mesmo indicou que se entrou xa en contacto cun centro norteamericano especializado na difusión de tecnoloxías dirixidas a lograr a eficiencia enerxética, tales como o uso de diferentes técnicas de iluminación de edificios e casas empregando ao máximo a luz natural. “Ademais, traballarase tamén en tecnoloxías coma as bombas de calor, o aire comprimido ou os denominados variadores de frecuencia, sistemas dirixidos a conseguir melloras na eficiencia enerxética”, continuou.

Un centro pioneiro a nivel nacional

Na reunión o padroado confirmou como presidente de Energylab o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago e nomeou vicepresidente ao vicepresidente e conselleiro delegado de Unión Fenosa, Honorato López Isla e secretario do mesmo ao director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, Salustiano Mato. “Co acto de hoxe dámoslle o impulso definitivo a este centro tecnolóxico que ten un inmenso recorrido para este país. É a definición formal e xurídica que nos permite a partires deste momento traballar con toda a dilixencia necesaria”, sinalaba Alberto Gago ao remate da reunión no Centro Social Caixanova. No acto participou tamén o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, quen lembrou que o centro operará desde o campus de Vigo, primeiro no Edificio Newton, para pasar posteriormente á Cidade Tecnolóxica, Citexvi. “Colocará a Galiza á cabeza do estado nun eido da investigación novidoso e punteiro como é o da enerxía, xa que é o primeiro destas características que xorde neste ámbito”, apuntou.

Aposta conxunta pola eficiencia

O conselleiro referiuse a Energylab como unha aposta conxunta por parte de organismos públicos, sistema universitario e iniciativa privada, “ a mellor vía para lograr unha economía competitiva, xeradora de riqueza e de emprego de calidade e, polo tanto, fonte de progreso para a sociedade galega”. Nesta liña anunciouse que o orzamento asociado á constitución do centro ascende a 470.000 euros, dos que a Consellería de Innovación e Industria achega 140.000, a iniciativa privada 240.000 e as tres universidades 90.000 euros. A aplicación da I+D+i no campo da enerxía implicará a extensión do uso racional da enerxía a toda a cadea, dende a produción ata o consumo final pasando polo transporte, o cal redundará, segundo explicou Blanco, na mellora da competitividade da industria galega e dos seus sectores produtivos, “sobre todo no actual contexto de altos custos enerxéticos e crise económica xeralizada”, indicou o conselleiro.