Oficina CEER
 19-09-2008
Aberto o prazo de inscrición na primeira edición do Master en Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional

Investigadores sociais e técnicos do GIS-T poñen en funcionamento para o curso académico 2008-2009 o Master en Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional da Universidade de Santiago de Compostela.

A Informática Social pretende establecer as condicións de colaboración científica entre tecnólogos, científicos sociais e creadores das artes e das humanidades, cuxo fin último é buscar o desenvolvemento económico, social, cultural, etc. en territorios concretos, poñendo en valor e impulsando os fluxos de comunicación e coñecemento entre o urbano e o rural e entre as rexións periféricas e as centrais. O alumnado do Master Internacional en Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional debe ser consciente da importancia que adquiren as TIC na sociedade actual, na que se converten en ferramentas estratéxicas capaces de desenvolver social, cultural e economicamente unha cidade, municipio, rexión, país ou territorio en xeral.

Os obxectivos do Master Internacional en Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional teñen unha dobre orientación profesional e investigadora. No ámbito profesional, a intención do Master é formar a técnicos especializados en TIC, Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional, cubrindo novos postos de traballo na administración pública e nas comunidades locais como axentes de desenvolvemento social especializados en novas tecnoloxías. En termos de investigación, o obxectivo é formar a investigadores de excelencia especializados en técnicas de investigación cuantitativa e cualitativa. O Master aposta polos métodos comprensivos e de aprendizaxe continuo, fronte ó enfoque clásico baseado na memorización.

Os alumnos e alumnas seleccionados terán unha predisposición positiva para traballar en grupos multidisciplinares e unha gran capacidade de comunicación para dar a coñecer na comunidade científica e nos distintos ámbitos profesionais os avances de investigacións científicas e proxectos laborais.

O Master Internacional en Informática Social proporciona aos seus alumnos a posibilidade de realizar a metade do curso en prestixiosas universidades europeas: Universidade Do Porto (Portugal), Universidade do Minho (Portugal) e University College Cork (Irlanda) .

O Master en Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional ofrece 10 bolsas de matrícula e prácticas remuneradas para todos os alumnos e alumnas que decidan realizalo. Algunhas das institucións implicadas no programa de bolsas e emprego son: Centro Internacional de Tecnologías Avanzadas, Centro de Estudios Euro Rexionais Galicia-Norte de Portugal, CIEF Caixa Galicia, Uninova, Concello de Antas de Ulla, Concello de Brión, Concello de Lalín, Infobrion.com, Granxafamiliar.com, Cáritas, Feiraco, Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio, Novos Medios, Sistemas Intelixentes e Análise de Modelización Económica.

O prazo de peinscrición remata o vindeiro 30 de outubro de 2008, podéndose realizar a matrícula entre o un e o 12 de novembro de 2008. Para máis información, pódese visitar a páxina Posgrao Propio da USC, a través do enderezo electrónico info@gist.es ou no teléfono 981 56 31 00 ext. 14440. Tamén podes consultar o polidíptico oficial do curso en formato pdf.

Archivos asociados a esta noticia:
application/msword: Folla de preinscrición