Oficina CEER
 03-10-2008
Oportunidades para os Axentes Galegos en Europa: I+D+i para un Desenvolvemento Sostible

O Comité das Rexións é un órgano comunitario creado en 1992 polo Tratado de Maastricht como foro de representación das entidades rexionais e locais da Unión Europea. A súa misión é promover e colaborar no proxecto europeo desde a perspectiva dos intereses rexionais e locais como elementos fundamentais de dito proxecto.

Neste contexto, o Comité das Rexións, en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea, ven organizando anualmente unhas xornadas denominadas Open Days, nas que participan numerosas rexións europeas, organizacións do sector público e privado e institucións financieiras, co fin de procurar un foro de debate e intercambio de experiencias entre os actores institucionais e económicos dos distintos territorios de Europa.

No presente ano 2008, os Open Days celébranse baixo o lema “As rexións e as cidades europeas fronte a un contexto mundial desafiante”, incidindo especialmente nos temas referidos á I+D+i, e pretende proporcionar a un amplo abano de partes interesadas, administracións, empresas e universidades, a ocasión de traballar xuntas e descubrir novas oportunidades de investimento e financiamento.

No marco desta iniciativa OPEN DAYS 2008-Semana europea das rexións e cidades, Galicia participa nun proxecto en colaboración con diversas rexións europeas: Bretaña (F), Asturias (E), Escocia, Gales, Norte de Irlanda e Sudoeste de Inglaterra (RU), rexións irlandesas (IR) e Norte de Portugal (P).

Neste contexto desenvólvese o Seminario que terá lugar en Ferrol o día 14 de outubro organizado pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia en colaboración coa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDI) e a Fundación Galicia Europa, baixo o título “Oportunidades para os axentes galegos en Europa: I+D+i para un desenvolvemento sostible”. O obxectivo da xornada é presentar ás entidades galegas os programas europeos de I+D+i no ambito do medio ambiente, o cambio climático e a ecoinnovación.

Archivos asociados a esta noticia:
application/pdf: Programa